O Club de Debate forma aos 54 participantes nunha xornada que se celebra hoxe no Pazo

69

O Pazo da Cultura acolle esta mañá unha reunión formativa cos equipos que participarán no IV Club de Debate do Concello de Pontevedra que se celebrará o vindeiro mes de febreiro no Pazo da Cultura. O Club de Debate é un programa que organiza a Concellaría de Normalización Lingüística para promover o uso da lingua galega entre a mocidade.

Nesta edición os equipos participantes serán os seguintes:

• IES A Xunqueira I (10 alumnos)
• IES Luís Seoane (8 alumnos)
• IES Torrente Ballester (10 alumnos)
• Colexio Salvador Moreno (9 alumnos)
• IES Ponte Caldelas (7 alumnos)
• IES de Poio (10 alumnos)

A fase preliminar do Club de Debate celebrarase o vindeiro 2 de febreiro, a partir das 10.00 horas no salón de actos do Pazo da Cultura. Os participantes terán que debatir sobre “O Estado ten que garantirlle o acceso ao traballo á mocidade”. A fase final será o sábado, 23 de febreiro, ás 11.30 horas e debatirá sobre “Temos liberdade para escoller en que lingua falamos”.

Os premios do Club de Debate de Pontevedra consiste nun vale de 500 euros para o equipo campión, para mercar libros en galego, e permítelle o acceso á fase final galega que se desenvolverá o vindeiro 4 de maio en Santiago de Compostela. E o equipo finalista recibirá un vale de 300 euros para o equipo para mercar libros en galego.


Xornada formativa

Na reunión formativa desta mañá farase unha preparación de habilidades comunicativas para falar en público. Dende as 10.30 até as 13.30 as 54 persoas que participarán no Club de Debate de Pontevedra abordarán o fenómeno da comunicación, a modulación da voz (ton, intensidade, ritmo), a ordenación do discurso, a escoita, a comunicación non verbal , a linguaxe. Tamén traballarán a complexidade da comunicación grupal.


A final galega

A final galega realizarase o 4 de maio, en Santiago de Compostela. Na organización traballan conxuntamente os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes: Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico: a mocidade; e recolle a responsablidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos, e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo

O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua, mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: “O galego é unha oportunidade”.

En función do número de equipos inscritos, organízanse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición auméntase o número de comarcas que pasan das catro da primeira edición a seis.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.