Mellora da seguridade na senda do Lérez coa tala de árbores enfermas e descalzadas

67

A Concellaría de Parques que xestiona Anxos Riveiro iniciou nas últimas semanas traballos de acondicionamento e seguridade da senda do Lérez á altura da avenida de Bos Aires, no entronque coa senda de madeira de Monte Porreiro. Os traballos consisten na eliminación de árbores que teñen comprometida a súa estabilidade ou que presentan un mal estado sanitario.
Hai tres anos, co obxecto de poñer en valor os salóns do Lérez, cualificados como Lugar de Importancia Comunitaria, o Concello de Pontevedra en colaboración coa Mancomunidade de Turismo Terras de Pontevedra habilitou unha senda fluvial que arranca da avenida de Bos Aires até a estación de bombeo de Monte Porreiro (logo continuada até Bora).
No arranque da senda, feita cunha plataforma de madeira, existe un bosque de ribeira que discorre sobre un noiro bastante pronunciado, e no que se mesturan especies autóctonas con alóctonas. Moitas destas especies, especialmente as alóctonas, teñen un sistema radicular moi superficial que non permiten a suxeición segura e a maioría presentan unha excesiva inclinación sobre o senda. Polo que, cada inverno coa chegada dos temporais, a senda sempre sufre a caída dalgunha árbore e ten que ser cortada, e, nalgún caso, reparada; ademais do conseguinte perigo que supón para as ducias de usuarios que diariamente empregan esta senda fluvial.
A Concellaría de Parques detectou este problema e acordou adoptar a solución técnica de talar aquelas árbores que teñen importantes problemas sanitarios ou aquelas que teñan o sistema radicular moi superficial. Aproveitando estes traballos, tamén se eliminarán as especies alóctonas do lugar, que son, sobre todo, acacias, eucaliptos e robíneas, mellorando a calidade do tradicional bosque de ribeira que se debera conservar nun espazo LIC como o é o río Lérez.
Talas controladas
A Concellaría acordou acometer estes traballos por fases. Así que a primeira tala foi realizada por técnicos cualificados mediante o sistema de trepa, baixando as ramas de forma controlada para salvagardar o arborado e o mobiliario urbano do lugar. Retirouse a madeira resultante (aínda están pendentes os troncos principais), e estase a biotriturar as ramas eliminadas. Os traballos retomaranse co bo tempo.
Os técnicos municipais detectaron que baixo estas árbores, moitas delas de grande copa, están a nacer novos exemplares propios de ribeira. A Concellaría ten intención de plantar novas especies nos lugares máis soleados, pero aproveitar as novas guías propias do bosque de ribeira que están a nacer baixo as árbores agora taladas.
Os traballos contan co visto bo da Consellería de Medio Ambiente que aprobou estas cortas que teñen por obxecto mellorar a seguridade peonil en toda a senda fluvial, e preservar o bosque de ribeira propio do Río Lérez, que o cualifica como LIC.