Pontevedra apoia a marcha ciclista en homenaxe a Cristóbal Hermida

61

O Concello de Pontevedra colaborará coa Marcha en homenaxe a Cristóbal Hermida Freire, presidente do Club de ciclismo de Bueu, falecido o pasado 3 de xaneiro na autovía de Marín. O concelleiro responsable da mobilidade ciclista no concello, Miguel Filgueira explicou que o Concello “quere apoiar estas iniciativas porque dende o Concello traballamos por facer unha cidade para peóns, e tamén para ciclistas”.
Na presentación da marcha estiveron presentes Manuel Torres, de Masa Crítica, e Pablo Ríos, monitor deportivo do Concello de Bueu que está a organizar esta marcha. A marcha sairá ás 10.00 horas dende a praza do Concello de Bueu recollendo unha sinatura de firmas solicitando un cambio normativo na Lei viaria, polo que o colectivo mantén contactos con Stop accidentes.
Discorrerá por Seixo, Marín e Pontevedra (até a rotonda de Malvar) para facer unha homenaxe, na avenida de Marín, no lugar no que foi atropelado Cristóbal Hermida. Farase unha entrega de flores e tamén minuto e medio de silencio (acto simbólico en recordo ao metro e medio de distancia que han de respectar os condutores sobre os ciclistas).
Estarán presentes ciclistas profesionais como Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Gustavo César Veloso, Marcos Serrano e Delio Fernández.
Pontevedra sumarase a esta marcha partindo ás 11.00 horas dende a praza da Peregrina para dirixirse ao encontro da marcha que vén de Bueu por Michelena, Martitegui, Alfonso XIII, San Roque, avenida de Marín até Praceres onde se atoparán coa marcha de Bueu. Alí farán entrega dunha bicicleta branca (homenaxe que habitualmente se fai aos ciclistas falecidos nas estradas).
Ademais de unha homenaxe a Cristóbal Hermida, a marcha pretende ser unha chamada de atención e toma de conciencia ás administracións e aos condutores dos perigos que hai nas estradas, por onde circulan todo tipo de vehículos.