A Concellería de Promoción Económica organizou máis dunha ducia de accións de apoio ao comercio en 2012

72

Campañas de apoio ao comercio, convenios de colaboración coas asociacións de comerciantes e estudos para mellorar a competitividade do Mercado de Abastos centraron a actividade da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo durante o ano 2012. Así consta no balanzo que a concelleira Carlota Román presentou hoxe diante da Mesa Local de Comercio.
As campañas comerciais comezaron cos dous obradoiros de Comunicación, Redes Sociais e Márketing Online nos que participaron un total de 58 comerciantes locais. Continuaron co subministro de kits de aforro de auga dentro da campaña “Cada gota conta”, e os dous concursos de escaparates “Ponte en flor” e “Ponte en Nadal”, con 79 comercios participantes en total. Xa na recta final do ano chegaron a primeira “Noite branca”, organizada en colaboración cos propios comerciantes e a facultade de Belas Artes e a quinta edición do concurso gastronómico “Ponte de tapas”. O colofón foi unha nova edición da actividade lúdica “Pontexogos”, coa que se intenta apoiar o período de ventas do Nadal, e que foi referendada cun gran éxito de público.
No Mercado de Abastos, a Concellería desenvolveu unha auditoría enerxética para coñecer os consumos e posibles aforros no gasto. Actualmente, está a preparar a señalética das instalacións co obxectivo de informar aos consumidores sobre os servizos dispoñibles, dereitos e deberes dos concesionarios e usuarios e concienciación sobre as boas prácticas ambientais.
En canto aos convenios asinados, superan os 38.000 euros. O acordo con Aempe para dinamizar as compras, absorbeu 16.000 euros. O acadado co Centro Comercial Urbano Zona Monumental permitiu subvencionar as actividades das Carrozas, Volta ao cole, Alumeado de Nadal, Ponte Nadal e Feira do Mel, cun importe total de 22.625 euros.
Durante a xuntanza celebrada hoxe, Carlota Román, fixo unha reflexión sobre o sufrimento que está a pasar o sector comercial co azoute da crise económica. Lembrou que o pasado mes de xullo, a Mesa Local de Comercio de Pontevedra xa aprobou unha resolución na que se denunciaban os perniciosos efectos que ían ter as últimas medidas aprobadas polo Goberno de España sobre o tecido comercial local. A liberalización dos horarios comerciais, o recorte da paga extraordinaria de Nadal dos traballadores públicos e o incremento do IVE, formaron un cóctel letal para o comercio minorista que, tal e como se prevía, xa está a evidenciar os seus efectos.
Román lembrou tamén que xa daquela calculaba nuns 10 millóns de euros ao ano o impacto negativo para a caixa dos comerciantes pontevedreses. Non sei se acertamos na cifra, dixo a concelleira, o que si vexo é que os comercios venden menos e que en canto pase o espellismo das rebaixas, o panorama que se abre é desolador para todo o mundo, polo que o Goberno debería pensar en adoptar medidas que contribúan á recuperación.
A Mesa Local de Comercio foi constituída en decembro de 2011 polo Concello de Pontevedra en cumprimento da Lei de Comercio de Galicia. Trátase do órgano colexiado asesor da política municipal nesta materia. Está constituída por 17 membros entre os que figuran os grupos políticos e os técnicos municipais, un representante da Xunta de Galicia e representantes da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Asociación de Usuarios da Praza de Abastos, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, Federación Provincial de Comercio e Cámara de Comercio.