Comeza a mellora dunha parcela para estacionamento provisorio en Monte Porreiro

77

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe os traballos de acondicionamento da parcela situada entre as rúas Francia e Grecia, no barrio de Monte Porreiro (á altura da nova ponte). Segundo explicou o concelleiro delegado do barrio, Luís Bará, a intención é acondicionala como estacionamento provisorio.
A parcela está valada e impide o acceso a vehículos (até agora estaba sendo empregada como zona de aparcamento indiscriminado sen acceso dende as rúas) para traballar con seguridade, e evitar o acceso dos coches mentres duren as obras. Farase unha tala das árbores invasoras da parcela (acacias) que teñen risco de desplome, e estenderase xabre como pavimento firme para crear un estacionamento provisiorio, logo da retirada de entullos.
Trátase dunha parcela que no seu día foi destinada para igrexa parroquial, pero logo foi permutada co Arcebispado, e na actualidade é de titularidade municipal.
Estes traballos están incluídos dentro dunha programación máis ampla na que se atopan medidas de calmado de tráfico na rúa Francia, coa creación dun paso de peóns elevado entre as rúas Suecia e Dinamarca para mellorar a seguranza viaria no acceso ao colexio, ao parque infantil e á pista polideportiva da rúa Dinamarca (na zona do Miradoiro).
Estas últimas obras están pendentes de execución, á espera de que mellore o tempo.