Lourizán, Salcedo e Tomeza xa teñen limitada a velocidade a 30km/h

45

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de coordinación do rural, que xestiona Demetrio Gómez, iniciou nestas últimas semanas a instalación de sinalización vertical nas estradas e rúas municipais das parroquias do rural limitando a velocidade a 30 km/h. Esta medida débese á aplicación da ordenanza circulación viaria do Concello de Pontevedra, que na última modificación aprobada o pasado ano, recolle que as travesías de núcleo (do rural) estarán limitadas a 30km/h todas aquelas que carezan de beirarrúas ou elementos similiares para o paso de peóns e ciclistas. É dicir, a maior parte das rúas e travesías municipais no rural.
A medida comezouse a aplicar pola parroquia de Lourizán, e nestes momentos estase a modificar a sinalización nas parroquias de Salcedo e Tomeza. A empresa concesionaria do mantemento e reposición da sinalización vertical e horizontal continuará estes traballos pola parroquia de Marcón, polo que deste xeito completarase a zona sur do concello. A partir de aí continuarase co resto dos espazos parroquiais do municipio tratando de darlle unha coherencia espacial (agrupando parroquias), e sempre limitándose ás vías municipais.
A implantación da velocidade 30km/h nas estradas do rural débese á intención o Goberno local de estender a todo o territorio municipal as medidas de seguranza viaria que xa rexen na práctica maioría do centro urbano, adaptada ás características propias do rural. O primeiro chanzo é a instalación da nova sinalización vertical do concello nestas travesías de núcleo, traballo que está a servir, tamén, para eliminar a sinalización obsoleta das vías municipais.
A velocidade 30km/h tamén é a resposta a unha grande demanda por parte dos veciños das parroquias e núcleos do rural para mellorar a seguranza viaria nestas vías e travesías.