Nova tempada de Teatro no Centro Social Novacaixagalicia

74

A partir do mércores 2 de xaneiro xa podes facerte co teu abono de teatro para asistir aos espectáculos da próxima tempada no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. Podes adquirir a tempada completa entre o 2 e o 30 de xaneiro a través da billeteira telefónica 902 504 500 ou na web www.servinova.es e beneficiaraste dun 20% de desconto respecto das entradas soltas. Se queres comprar os billetes soltos poderás facelo nas mesmas datas e elixindo calquera das modalidades citadas. Infórmate a continuación sobre os espectáculos que visitarán os centros suxeitos ás tempadas de abonos:

 

· Esta noche no estoy para nadie, 16 de febreiro ás 20.30 h. Juan Carlos Rubio dirixe a Kiti Mánver, Gisela, Bruno Squarcia e David Ordinas que, xunto con Raúl Gama ao piano, ofrecerán ao público unha comedia musical que se debate entre a risa e a nostalxia, baseada na obra escrita polo propio Rubio, que conta a historia dunha nai e unha filla recentemente divorciadas e obrigadas a convivir a consecuencia de estreiteces económicas. A relación entre ambas as dúas e as relacións cos seus exmaridos dan lugar a múltiples enredos que propiciarán o desenlace desta divertida historia.

 

· Lúcido, 2 de marzo ás 20.30 h. O espectáculo dirixido por Amelia Ochandiano e escrito por Rafael Spregelburd, móstranos soño e realidade de forma simple e suxestiva. Unha comedia dramática que fala de sentimentos comúns e universais. O elenco está formado por Isabel Ordaz, Itziar Miranda, Tomás del Estal e Alberto Amarilla.

 

· Yo soy don Quijote de la Mancha, 18 de abril ás 20.30 h. Un elenco con José Sacristán, Fernando Soto, Elena Ramos e José Luís López, dirixidos por Luís Bermejo, interpreta unha obra de José Ramón Fernández, Premio Nacional de Literatura Dramática 2011. Xuntos recrearán algunhas das famosas aventuras e desventuras do fidalgo escritas por Miguel de Cervantes. Pretende ser unha aposta pola bondade das persoas, expresada no desexo de don Quixote que quere axudar aos demais.

 

· El tipo de al lado, 12 de maio ás 20.30 h. Obra baseada no best-seller da escritora sueca Katarina Mazetti que constitúe un auténtico tratado sobre as diferenzas sociais e culturais das persoas. Conta a historia dunha intelectual urbana nunha granxa e a dun granxeiro de provincias na ópera. Un simple sorriso fai saltar a faísca entre eles. Pero a realidade cotiá irrompe no seu mundo para poñer de relevo as súas diferenzas. O público asistirá a situacións tan inverosímiles como divertidas. A adaptación da obra de Mazetti corre a cargo de Alain Ganas e conta con Maribel Verdú e Antonio Molero no elenco.

 

· Sofocos, 23 de xuño ás 20.30 h. Comedia musical que vén reforzar o orgullo de sentirse muller e feminina. Paz Padilla, Lolita Flores, Ana Hurtado e Fabiola Toledo, coa colaboración virtual de M.ª Teresa Campos e o vestiario de Agatha Ruiz de la Prada, interpretan diferentes roles de muller: unha monxa, unha lesbiana, unha ama de casa, unha paciente na consulta do xinecólogo, unha executiva agresiva, etc. O texto e a dirección son de Isabel Arranz e Juan Luís Iborra, a coreografía de Lola González e a música de José María Guzman.