Comeza a execución de saneamento en Cabaleiro, Campañó

45

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe os traballos da nova rede de saneamento no lugar de Cabaleiro, na parroquia de Campañó. Trátase dunha obra que se executa no núcleo central da parroquia onde se atopa a igrexa, o centro de cultura, o antigo teleclube, o campo da festa e varios restaurantes.
A obra faina a empresa Covsa por valor de 205.593 euros, con varias melloras como 128 metros lineais máis de alcantarillado e 640 metros cadrados máis de resposición de firme.
O concelleiro responsabel do Ciclo da auga, Raimundo González explicou que a aposta do Concello sobre o saneamento no rural é ir cubrindo aquelas zonas máis próximas ao centro urbano e tamén os espazos públicos de máis concentración de residentes, é dicir, os núcleos centrais da parroquia como é, neste caso Cabaleiro, en Campañó.
Xunto a esta obra, a Concellaría acaba de adxudicar outros tres contratos nas parroquias de Lérez (185.500 euros), Santo André de Xeve (130.700 euros), e Santa María e Tomeza por valor de 183.500 euros.
Cun investivemento global de 1,3 millóns de euros, o Concello completa a rede de saneamento nas parroquias de Mourente, Lourizán, Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva, Lérez e Tomeza.