O Club de Debate ultima detalles para a súa celebración o 2 de febreiro

77

O Club de Debate celebrou este luns unha reunión co xurado do debate no que pechou a orde de participación dos equipos na fase prelimiar do 2 de febreiro, os calendarios e os horarios.
Segundo esta reunión o calendario e os temas de debate serán:
• Fase preliminar: 2 de febreiro a partir das 9.50 horas no salón de actos do Pazo da Cultura. Tema: O Estado ten que garantirlle o acceso ao traballo á mocidade.
• Fase final local: 23 de febreiro ás 11.30 horas no Café Moderno. Tema: Temos liberdade para escoller en que lingua falamos.
• Final galega: 4 de maio, en Santiago de Compostela. Tema: O galego é unha oportunidade.
Os equipos participantes son:
• IES Torrente Ballester: 10 alumnos
• IES A Xunqueira 1: 10 alumnos
• IES de Poio: 10 alumnos
• Colexio Salvador Moreno: 7 alumnos
• IES Luís Seoane: 8 alumnos
• IES de Ponte Caldelas: 8 alumnos
• IES Sánchez Cantón: 10 alumnos
O desenvolvemento da fase preliminar, do sábado 2 de febreiro, será do seguinte xeito:

HORARIO EQUIPOS
9.15h –  9.50h Chegada dos equipos; recollida de material e asignación dos seminarios
9.50h – 10.40h DEBATE equipos A-D: IES Torrente Ballester – Colexio Salvador Moreno
10.40h -11.30h DEBATE equipos B-E: IES A Xunqueira 1 – IES Luís Seoane
11.30h – 12h Pausa – café
12.00h -12.50h DEBATE equipos C-F: IES de Poio – IES de Ponte Caldelas
12.50h -13.40h DEBATE equipos D-G: Colexio Salvador Moreno – IES Sánchez Cantón
14.00h -16.30h Xantar
16.30h -17.20h DEBATE equipos E-C: IES Luís Seoane – IES de Poio
17.20h -18.10h DEBATE equipos F-A: IES de Ponte Caldelas – IES Torrente Ballester
18.10h -19.00h DEBATE equipos G-B: IES Sánchez Cantón – IES A Xunqueira 1
19.30h Coñeceranse os equipos que van pasar á final e as puntuacións dos debates
21.00h Festa na Sala Karma
22.00h  Concerto de Sés, na Sala Karma

O xurado estará integrado por:
• Ana Acuña Trabazo, profesora de lingua e literatura galega na Universidade de Vigo
• Susana Pedreira, xornalista en Onda Cero Radio
• Alex Espiño, xornalista en Pontevedra Viva
• Charo Valcárcel, profesora de lingua galega no IES Valle Inclán de Pontevedra
• Moisés Barreiro Comedeiro, profesor de lingua e literatura galega

Unha iniciativa do Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra organiza o Club de Debate por cuarto ano consecutivo. Constará dunha xornada de formación sobre habilidades comunicativas, unha fase eliminatoria e un debate final entre os 2 equipos clasificados na eliminatoria. O equipo gañador representará a Pontevedra na fase final galega.

A final galega realizarase o 4 de maio, en Santiago de Compostela. Na organización traballan conxuntamente os servizos de normalización lingüística de varios concellos. Para esta segunda edición da fase galega o 16 de novembro de 2012 dez concellos asinaron unha addenda ao protocolo de colaboración xa existente; participan os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsablidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación En función do número de equipos inscritos (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organízanse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final.

Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.