O Concello agarda a autorización de Patrimonio para iniciar a cubrición de Valentín García Escudero

67

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará mantivo unha reunión onte pola noite coas asociacións do Centro Histórico para analizar a situación e as necesidades do casco vello da cidade, para ver obras de mellora nas rúas, máis equipamentos… e priorizar as actuacións que se poidan facer, ademais de plantexar as prioridades do ARI concedido ao centro histórico.

Na reunión tamén comentou o contrato anual de conservación e mantemento do centro por valor de 121.000 euros, para futuras reparacións.

As obras na Ferraría ou o proxecto da praza de Valentín García Escudero foron outros dos temas abordados na reunión. Sobre este último, Luís Bará explicou que en decembro foi enviado á Dirección Xeral de Patrimonio o proxecto de cubrición parcial do achádego arqueolóxico, dado que está previsto que a actuación se faga por fases. 

A primeira fase suporá o soterramento do 40% da escavación, e o resto quedará aberto até unha segunda autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e tamén do organismo de Protección do Camiño de Santiago.

A primeira fase terá un custe total de 75.886 euros que inclúe a cubrición desta parte da escavación (60.411 euros), a conservación dos restos (6.674,36 euros), e levantamento topográfico en 3D (9.801 euros) un formato dixital para posteriores usos de divulgación.

Luís Bará explicou que o Concello está en disposición de iniciar a primeira fase da cubrición da escavación, unha vez que reciban a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Sobre a segunda fase da obra, existe unha negociación coa Dirección Xeral de Patrimonio e co Camiño para determinar como vai quedar a zona, dado que por este lugar pasa o Camiño de Santiago e atópasen os restos da antiga ponte e do peirao medieval. Dende o Concello existe unha aposta por facer unha plataforma única, dándolle prioridade peonil á ponte do Burgo e resolver cun amplo paso de peóns a conexión entre as dúas partes a través da avenida do Uruguai.