O mal tempo obriga a ampliar as obras de emerxencia

56

O Concello vese na obriga de ampliar o ámbito de actuación das obras de emerxencia no centro urbano porque os técnicos municipais están a detectar que se agrava a situación día a día polas intensas chuvias.

Luís Bará informou que tal vez sexa necesario levantar panos enteiros no ámbito da praza da Peregrina, na avenida de Vigo, en Daniel de la Sota ou na rúa Sagasta porque o Concello está a detectar un destrozo da base de cemento das lousas, que fai que se levanten e se produzan moitos accidentes nas zonas peonís da cidade.

Tamén se está a detectar un desperfecto importante nos pavimentos das calzadas que se asumirán co contrato anual de mantemento dos espazos públicos, como, por exemplo, na rúa Castelao.

Por outra banda, o concelleiro responsable da área urbana explicou que mañá farase a pavimentación de parte da rúa Andrés Muruais. Unha empresa que levanta un edificio na zona tivo que abrir unha zanxa para canalizar servizos e tapouna provisoriamente con formigón. Mañá asfaltarase e en vindeiros días tamén se mellorará a beirarrúa que está afectada polo tránsito de peóns.