A Concellería de Deportes pon en marcha o primeiro Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP)

102

Os afeccionados a correr disporán deste ano dun novo aliciente. Pontevedra pon en marcha a primeira edición do seu Circuíto de Carreiras Populares, bautizado coas siglas CCCP, e que engloba un total de seis probas repartidas ao longo de todo o ano.
A iniciativa xorde da decisión do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, de promover o deporte popular e dedicarlle parte dos recursos que manexa o seu departamento. Pontevedra tense envorcado nos últimos anos de xeito decidido na organización de eventos competitivos do máximo nivel, tanto de rango nacional como internacional, pero era preciso facer unha aposta clara para fomentar o esforzo que, a diario, fan os afeccionados. E, sen dúbida algunha, destaca Fernández, o deporte máis popular é a carreira a pé.
Agustín Fernández presentou hoxe esta nova acompañado dos responsables da asociación de veciños de San Brais, a comisión organizadora da carreira do Santiaguiño do Burgo, a asociación sociocultural de Campañó e parte da directiva da Sociedad Gimnástica, coordinadora do circuíto.
O responsable municipal subliñou que despois dalgúns meses de traballo optouse por aproveitar o calendario de carreiras xa existente, mellorando aspectos organizativos e incorporando dúas probas novas: unha en Monte Porreiro e outra no centro da cidade.
Fernández destacou que cómpre recoñecer o esforzo altruísta que teñen feito durante estes anos os organizadores das carreiras de San Brais, Santiaguiño e Campañó. Trátase, destacou, de persoas que teñen dedicado moitas horas a manter probas deportivas, moitas veces sen apoio oficial. O labor da Concellería de Deportes pasa tamén por botar unha man para garantir a continuidade destas probas, potencialas e axudar aos seus mentores.

O calendario ábrese así coa carreira de San Brais (5.500 metros), o próximo 2 de febreiro. A carreira de Monte Porreiro, cun percorrido duns 8.000 metros, chegará o 7 de abril. A terceira proba será un 10.000 polo centro da cidade o 15 de  xuño e en horario nocturno, a partir das 21.00 horas. A continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 5.700 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será a carreira de Campañó, coa mesma estrutura que na actualidade e unha distancia de 9.650 metros, o 21 de setembro. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón o 20 de outubro.
O concelleiro de Deportes destacou que é posible inscribirse nas carreiras que forman parte do circuíto sen tomar parte nel. Non obstante, de haber un número máximo nalgunha proba, terán preferencia os corredores agregados ao CCCP.
O circuíto está aberto a todas as persoas maiores de 17 anos e estrutúrase nas categorías júnior, sénior e sete grupos de veteranos en función das idades e nos apartados masculino e feminino. A inscrición no circuíto debe realizarse a través da web www.championchipnorte.com. O prazo rematará no mes de abril, no momento en que remate o prazo de inscrición na segunda carreira, é dicir, a de Monte Porreiro.
O prezo de inscrición é de 25 euros para os titulares de chip amarelo de Championchip. Os corredores que non o teñan deberán pagar un total 40 euros (25 máis os 15 de adquisición do chip), co que adquirirán tamén este dispositivo, válido non só para as carreiras do circuíto, senón en todas as cronometradas por esta empresa. Non obstante, quen non teña interese en quedar co chip poderá tamén devolvelo ao remate do medio maratón, cun reembolso de seis euros, polo que só pagaría 9 euros en concepto de aluguer.
As clasificacións do CCCP realízanse sumando os postos que cada corredor faga en cada unha das carreiras. É obrigado participar en, cando menos, catro das seis do circuíto. A puntuación estará composta pola suma de catro probas, descartando os dous peores resultados. O medio maratón puntuará dobre, para o que o posto acadado dividirase por dous. A clasificación absoluta elaborarase en función das menores puntuacións.
O circuíto prevé entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto masculina como feminina. Ademais, os cinco primeiros da clasificación absoluta de cada sexo recibirán cheques regalo para o comercio local por valor de 500, 400, 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

Carreira de San Brais
A presentación do circuíto coincidiu tamén coa da primeira das probas que o integra, a V Carreira Pedestre San Brais, que se celebra, o próximo 2 de febreiro, sábado, en horario de tarde.
O circuíto foi mellorado este ano e constará dunha única volta, para o que abrangue un espazo máis amplo que o propio barrio. Iso si, se a proba xa estaba caracterizada pola dureza das súas ramplas, co novo circuíto a dificultade será aínda maior, segundo anticiparon os organizadores.
O prazo de inscrición para esta proba en concreto está aberto en www.championchipnorte.com ata o 30 de xaneiro incluído. O prezo é de 3 euros para propietarios de chip amarelo e de 4 euros para os demais.
Como sempre, haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría e un trofeo especial, dedicado á memoria de Juan Bernal, para o participante de maior idade. Os gañadores absolutos gozarán dun convite para dúas persoas no restaurante Román.
A proba, que forma parte das festas de San Brais, remata cunha chocolatada e un sorteo de lacóns.

Regulamento da carreira de San Brais e do Circuíto de Carreiras Populares

http://www.championchipnorte.com/ficheroseventos/20130117140245_ficheros_evento_869/SANBLAS_13.pdf