O alcalde reunirase co director xeral de Mobilidade e Transporte da UE na viaxe a Bruxelas para recoller o premio Intermodes

53

O Concello está ultimando os preparativos para recoller o premio europeo Intermodes ao seu modelo de cidade, outorgado ao Concello de Pontevedra polo seu modelo de mobilidade, e, concretamente no plano metrominuto. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores expuxo esta mañá o programa de actos previsto durante a súa estancia en Bruxelas para recoller este galardón.

A delegación pontevedresa chegará a Bruxelas o martes, 5 de febreiro, e o alcalde manterá unha reunión co Director xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea Matthias Ruete a quen presentará o modelo de cidade de Pontevedra, especialmente importante neste momento de aposta da Unión Europea pola velocidade 30 km/h.

Esa mesma xornada, pola tarde, a delegación pontevedresa instalará un stand sobre a nosa cidade na Village do Congreso Intermodes con material audiovisual e tamén documental feito ex profeso para este Congreso. Trátase dunha producción audiovisual e tamén dunha revista feita en inglés e galego.

O día 6, a propia xornada do Congreso, o alcalde recollerá o premio ás 12.00 horas e dirixirá unhas palabras de agradecemento aos asistentes. Pola tarte, o Concello está convidado a participar nunha mesa redonda sobre a mobilidade peonil, na que tamén estarán presentes outras cidades como París. A presenza do Concello estará representanda polo intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle. Pontevedra foi convidada a participar nesta mesa redonda, unha vez que a organización de Intermodes comprobou a documentación que o Concello lle remitiu sobre o modelo urbano.

O alcalde reiterou o "orgullo que supón para Pontevedra recibir o premio, pola importancia da proxección da cidade e pola autoestima que supón para os pontevedreses".