A Concellería de Deportes coordina co club Galaico a organización do Open de España de Natación

88

A concesión a Pontevedra da organización do Open de España de Natación, no que participarán os mellores nadadores nacionais, supón un importante reto de organización. Para comezar a pechar todos os detalles, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, mantivo unha xuntanza co presidente do club Galaico, Alfonso Gallego.
Fernández e Gallego levaban varias semanas negociando coa Federación Española de Natación tanto o outorgamento desta proba como doutras. As conversas deron froitos, polo que a piscina de Ponte Muíños, que xestiona a fundación Rías do Sur, acollerá a proba máis importante dos seus sete anos de historia.
O Open, que se celebrará entre o 21 e o 24 de marzo, foi concedido ao club Galaico co beneplácito da Concellería de Deportes, que asume os gastos e pon a disposición da organización os recursos humanos e materiais do Instituto Municipal de Deportes e Protección Civil.
Agustín Fernández anunciou que creará unha comisión técnica á que serán invitados responsables da Federación Española, Federación Galega, club Galaico e fundación Rías do Sur para pechar todos os detalles dun evento tan complexo. O concelleiro lembrou o precedente do Campionato de España de Marcha en Ruta, celebrado en marzo do pasado ano, que culminou cun éxito organizativo e deportivo gracias ao esmero na preparación da proba a través dunha comisión deste tipo.
Alfonso Gallego asegurou ao concelleiro que a experiencia acumulada coa celebración de eventos como os campionatos de España máster ou de mozos acredita perfectamente a capacidade de Pontevedra para asumir un evento destas características. Así, por exemplo, xa coñecen que deben ter a piscina a disposición dos nadadores a partir do día 19, para os últimos adestramentos.
Gallego destacou que trátase da proba máis importante da temporada, dado que supón a única posibilidade de facer marca mínima para clasificarse para o mundial do próximo mes de xuño en Barcelona. A este respecto, diante dalgunhas informacións contraditorias aparecidas nos últimos días, a propia Federación Española aclarou que a participación no Campionato de España Open 2013 é a única forma de acadar as mínimas mundialistas.
Un total duns 200 nadadores participarán no Open de España, aínda que a cifra total de persoas que estarán na cidade aproximaranse máis ás 500, ao incluír ao staff técnico, representantes federativos, árbitros, acompañantes e público.