A Praza de Abastos acolle a exposición de pintura “Vietnam in my hands Camboya in my eyes…”

70

A nova colección pictórica do artista Alberto Badía encherá o primeiro andar da Praza de Abastos coas cores do sudeste asiático. A exposición “Vietnam in my hands Camboya in my eyes…” estará aberta entre os próximos 2 e 16 de febreiro e poderá visitarse en horario de mañá, de 9 a 14 horas.
A oferta foi presentada hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, acompañada do pintor vigués e do presidente da Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra, Juan Ramón Pérez. Os beneficios da venda do catálogo da exposición irán a esta asociación.
A concelleira destacou que esta é unha primeira iniciativa para explorar novas vías coas que dinamizar o Mercado de Abastos. Hai que dotalo de novos contidos con tirón que sirvan para achegar ao cidadán a este edificio máis alá da súa función tradicional, afirmou Román. A súa intención, a medio prazo, é diversificar a oferta, ofrecendo usos alternativos á compra-venda de alimentos, pero para elo precísase abordar previamente unha reorganización dos espazos que permita liberar o primeiro andar.
A exposición de Alberto Badía permitirá contemplar e adquirir 16 obras que reflicten “momentos conxelados” do paso do artista por Vietnam e Camboya, nunha viaxe de busca persoal durante tres meses remontando o río Mekong. As obras, impresas sobre dibond (soporte aluminio), están marcadas polos trazos de os debuxos que se fusionan coa utilización das novas tecnoloxías. A profusión de cores planas ensambla á perfección coa frialdade do aluminio, explorando un novo enfoque da técnica do collage.
Alberto Badía explicou que durante a súa viaxe visitou numerosos mercados, cheos de balbordo e de xente que, ao igual que as peixeiras galegas, loita e traballa duro para gañarse a vida. As cores, os olores, os reflexos son cousas que tamén aprecia no propio Mercado de Pontevedra. É un edificio que me encanta, subliñou. E de aí xurdiu a idea de montar a exposición na Praza de Abastos. Será, recalcou, a primeira vez que expoña a súa obra fóra dunha sala de exposicións.
A exposición está montada de tal xeito que os cadros se integran nos postos baleiros, polo que o primeiro andar compaxinará durante estes días a actividade propia da venda das froitas e verduras coa contemplación da obra de Badía.
Un vídeo documental de 12 minutos acompaña a mostra a modo de resumo das vivencias do artista. O documental pasarase de xeito permanente e como complemento das obras expostas. O acto inaugural contará con música en directo do músico Gonzalo Arca. Ex “Sugar Mountain” vén de iniciar a súa carreira en solitario. Presentará temas inéditos do seu último traballo “Rock&Soul en estado puro”.
O catálogo benéfico que se pode adquirir na mostra reúne as obras exhibidas con comentarios do artista, a memoria da viaxe, unha selección das fotografías tomadas na ruta e a nota de autor. Nel tamén colaboraron o músico Teo Cardalda, os pintores John Weeden e Sandra Llanas, xunto con profesionais da comunicación como Beta Álvarez (directora de Moda de Esquire), Vera Bercovitz (Vanity Fair) e a italiana Laura Bertaglia.
Juan Ramón Pérez agradeceu esta idea, que cualificou como moi orixinal, e desexou os maiores éxitos á exposición porque iso significará tamén un ingreso moi valioso para a Asociación de Anorexia e Bulimia de Pontevedra.
Alberto Badía é un viaxeiro incansable que ten pasado na súa traxectoria vital por Londres, Jamaica, Bahamas, México, Holanda e Miami. Retornou a España en 1996, momento en que un destacado galerista catalán adquiriu a totalidade da súa obra, sempre de aire impresionista.
Na súa produción pictórica destacan coleccións recentes con obras de gran formato expostas en España e Portugal: “Monografía”, “Noches en vela”, “Games”, “Special waste” y “Especímenes”.