Servizos amplía as rutas de recollida de lixo co sistema de carga lateral na cidade

83

A Concellaría de Servizos que xestiona Carme da Silva ampliará o vindeiro luns as rutas de recollida de lixo de colectores de RSU co sistema de carga lateral que se puxo en marcha no Concello de Pontevedra hai tres anos. O propósito da concelleira é ir ampliando paulatinamente, e en función da dispoñibilidade orzamentaria, a implantación deste sistema de recollida que aporta moitas máis avantaxas tanto para os cidadáns como para o propio servizo.
Desde este luns, a empresa concesionaria ampliará este sistema á avenida de Bos Aires, á Seca (rúa da Seca, Francisco Añón, barrio da Seca) e tamén José Malvar, a avenida de Montecelo e Losada Diéguez. Retirará os colectores de carga frontal dos que dipoñen na actualidade e colocarán os novos containers.
Este sistema de recollida permite moitas máis avantaxas en relación á de carga frontal que aínda queda nalgúns puntos do Concello. Ademais de ampliar a capacidade dos colectores que pasan de 1.000 litros a 2.400 litros, os novos containerse son máis seguros porque permiten tirar o lixo dende a beirarrúa, sen ter que saír á calzada. Dispoñen dun pedal para levantar a tapa, gomas protectoras para non coller as mans e baixada retardada da tapa, con iguais motivos de seguridade.
Tamén se mellora a accesibilidade dado que algúns serán colectores que dispoñen dunha boca á altura da cintura para poder depositar o lixo sen ter que pisar o pedal. Estes colectores accesibéis están especialmente pensados para persoas con discapacidade, persoas maiores, nenos… Ademais, ampliar a capacidade dos colectores tamén redunda na mellora da calidade e imaxe urbana das rúas, ao reducir o número de colectores nas illas de recollida de lixo.
Na actualidade existen tres rutas de recollida co sistema de carga lateral onde están instalados 365 colectores, gran parte accesibeis. A primeira percorre a zona centro con Benito Corbal e Loureiro Crespo. Neste ámbito urbano recóllense arredor de 17-18 toneladas de lixo diarias
A segunda da ruta percorre o barrio de Campolongo e San Roque e permite a recollida dunhas 18 toneladas de lixo ao día
A terceira das rutas dá servizo á zona de Estribela, Lérez e Monte Porreiro. Recóllense arredor de 8 toneladas diarias.
Ademais o sistema de carga lateral tamén se estendeu ás estradas de Vilagarcía, Vigo e a estrada que une O Pino coa Ermida onde se recollen arredor de 9 toneladas, pero a recollida é en días alternos.