A Mesa de loita contra a violencia de xénero fai balance

85

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a Mesa de coordinación para a loita contra a violencia de xénero á que asistiron a concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, xunto a representantes do Punto de encontro, das policías Local e Nacional, o Sergas, o Colexio de Avogados e a Subdelegación do Goberno. Na reunión fixeron un repaso das actividades realizadas nos últimos meses pola mesa de coordinación.
A representante do Colexio de Avogados de Pontevedra anunciou que no mes de abril porase en marcha un turno de oficio específico para a violencia de xénero, tal e como se demandaba dende hai anos e supón un importante avance na defensa das mulleres vítimas da violencia de xénero.
Tamén se anunciou que a programación de atención familiar de menores do Concello revisará os criterios establecidos para a entrada de menores no programa. Tratarase de priorizar aos fillos das vítimas de violencia de xénero.
Acordaron, asemesmo, falar co director de procesos de Primaria para mandar un representante á Mésa de coordinación para a loita contra a violencia de xénero para que exista unha comunicación fluída entre a Atención Primaria e a Mesa.
A concelleira tamén anunciou que iniciará conversas coas Fiscalía e o Xulgado de Violencia para que asistan, como se fan noutros concellos.