Agustín Fernández, satisfeito dos primeiros resultados do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra

66

Un récord de participación e unha mellora moi importante na organización coroaron a celebración da V carreira popular de San Brais, a proba que abriu o novidoso Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), impulsado pola Concellería de Deportes.
O CCCP botou a andar (ou a correr) da mellor maneira posible, pois en apenas un par de semanas rexistrou xa a inscrición dun total de 105 corredores, que  quedaron así comprometidos a participar nas seis probas que o compoñen. A día de hoxe é difícil vaticinar o número final de inscricións (poden realizarse ata o 7 de abril, data de celebración da segunda das carreiras).
O concelleiro Agustín Fernández está realmente satisfeito destes primeiros resultados. O circuíto é unha das principais apostas deportivas do seu departamento para este ano, polo que a boa acollida que está a ter é a confirmación de que existía un baleiro na política deportiva municipal.
En canto á carreira de San Brais, Fernández indicou que sempre tivo moito encanto porque estaba organizada por unha asociación de veciños, que suplían a falta de medios con ilusión e esforzo persoal. Así era valorada polos corredores que, ano tras ano, participaban nesta carreira. Sen embargo, as cousas mudaron para ben este ano. A incorporación no CCCP supuxo un salto de calidade moi importante que foi moi ben acollido polos corredores e tamén polos impulsores da proba, que o sábado estaban encantados, engade.
O responsable municipal indica que o feito de contar con 400 persoas participando nas distintas probas, 239 na categoría de maiores, supuxo todo un cambio que axuda a consolidar San Brais no calendario de “populares”. Nisto, sen dúbida, tivo moito que ver a inauguración dun percorrido máis longo, por enriba dos 5.000 metros, e a incorporación da cronometraxe automática por medio de chip.
Fernández anticipa que estase xa a traballar na elaboración do circuíto que vai acoller a próxima carreira, que é de nova creación, en Monte Porreiro. O concelleiro indicou que a creación dunha proba no barrio máis populoso da cidade foi un criterio central á hora de deseñar o CCCP. A Concellería de Deportes vai contar activamente coa asociación de veciños de Monte Porreiro na preparación e deseño da proba.
A continuación, empezará a perfilarse  a organización do 10.000 nocturno polo centro da cidade e, finalmente, os cambios que chegarán tamén a Santiaguiño do Burgo, co que o circuíto quedará definitivamente deseñado.
O calendario do CCCP abriuse con San Brais (5.500 metros) esta última fin de semana. A carreira de Monte Porreiro, cun percorrido duns 8.000 metros, chegará o 7 de abril. A terceira proba será un 10.000 polo centro da cidade o 15 de  xuño e en horario nocturno, a partir das 21.00 horas. A continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 5.700 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será a carreira de Campañó, coa mesma estrutura que na actualidade e unha distancia de 9.650 metros, o 21 de setembro. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón o 20 de outubro.
O circuíto está aberto a todas as persoas maiores de 17 anos e estrutúrase nas categorías júnior, sénior e sete grupos de veteranos en función das idades e nos apartados masculino e feminino. A inscrición no circuíto debe realizarse a través da web www.championchipnorte.com. O prazo rematará no mes de abril, no momento en que remate o prazo de inscrición na segunda carreira, é dicir, a de Monte Porreiro.
O prezo de inscrición é de 25 euros para os titulares de chip amarelo de Championchip. Os corredores que non o teñan deberán pagar un total 40 euros (25 máis os 15 de adquisición do chip), co que adquirirán tamén este dispositivo, válido non só para as carreiras do circuíto, senón en todas as cronometradas por esta empresa. Non obstante, quen non teña interese en quedar co chip poderá tamén devolvelo ao remate do medio maratón, cun reembolso de seis euros, polo que só pagaría 9 euros en concepto de aluguer.
As clasificacións do CCCP realízanse sumando os postos que cada corredor faga en cada unha das carreiras. É obrigado participar en, cando menos, catro das seis do circuíto. A puntuación estará composta pola suma de catro probas, descartando os dous peores resultados. O medio maratón puntuará dobre, para o que o posto acadado dividirase por dous. A clasificación absoluta elaborarase en función das menores puntuacións.
O circuíto prevé entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto masculina como feminina. Ademais, os cinco primeiros da clasificación absoluta de cada sexo recibirán cheques regalo para o comercio local por valor de 500, 400, 300, 200 e 100 euros, respectivamente.