Pisando forte remata esta semana tres cursos de formación

51

O curso de agricultura ecolóxica integrado no programa municipal de formación orientada ao emprego para a mocidade "Pisando Forte", remata este xoves 31 cunha visita á explotación ecolóxica "A horta do Cadaval" no municipio veciño de Redondela. Neste curso organizado pola Concellaría de Xuventude, que xestiona Demetrio Gómez, participaron 25 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.
Durante dúas semanas de sesións teórico-prácticas na aula abordáronse contidos como a problemática da agricultura industrial, os fundamentos da agricultura ecolóxica, o manexo de fertilización, a compostaxe, a escolla de especies e variedades, rotacións e asociacións de cultivos, control de herbas ventureiras, manexo de acolchados, auga e rega, xeroxardinería, manexo de pragas, prevención e loita biolóxica, tratamentos ecolóxicos, comercialización, certificación e situación do sector.
Tras todos estes contidos agora vén o momento da visita a unha experiencia real de agricultura ecolóxica, presente no veciño municipio de Redondela, A horta do Cadaval. Os 25 mozos e mozas sairán de diante do pavillón municipal dos Deportes ás 10h. para pasar unha mañá compartindo impresións e coñecementos cos responsables desta experiencia práctica.
Hoxe mércores 30, tamén remata o último dos cursos de Manipulación de alimentos, polo que xa serán 60 os mozos e mozas que obtiveron o título de manipulador de alimentos de forma gratuíta a través do Pisando Forte.
Por outra banda, o domingo rematará co entrega de diplomas ás 13h. o curso de Monitor/a de Ocio e Tempo Libre. O concelleiro de Xuventude despedirá aos 20 mozos e mozas que rematan esta 4ª edición dun curso subvencionado polo Concello de Pontevedra.