A Xunta de Galicia retén transferencias para a ARI de Estribela por un importe superior aos 200.000 euros

71

O Concello de Pontevedra tivo que adiantar as subvencións e os gastos de obras de urbanización correspondentes a Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela correspondentes á segunda e terceira fases. A Xunta debe ao Concello máis de 200.000 euros e, a pesar de recoñecer os atrasos, non acaba de ingresar os cartos.
As subvencións á rehabilitación da ARI sufráganse coas achegas, ao 50%, da Consellería de Política Territorial e do Ministerio de Fomento. As cantidades pendentes corresponden integramente a Fomento. Sen embargo, o Ministerio confirma que fixo as transferencias á Xunta, que retén os cartos en vez de entregalos ao Concello de Pontevedra. A débeda está recoñecida, pero non hai explicacións sobre a retención por parte da Tesourería da Xunta.
Trátase de 151.178,65 euros da segunda fase da ARI, que rematou en 2011, e 59.838,60 euros da terceira fase, rematada en 2012. As cantidades foron reclamadas en varias ocasións, recalcou hoxe o tenente  de alcalde e concelleiro de Vivenda, Antón Louro, pero sen resposta.
Por outra banda, hoxe reuniuse a Comisión de Valoración da quinta fase da ARI de Estribela. Un total de 42 actuacións de rehabilitación de vivendas e/ou edificios serán realizadas dende agora ata finais de 2015 no marco desta nova fase.
Antón Louro presidiu hoxe esta comisión, destinada a estudar o programa de actuacións previstas para as anualidades 2013, 2014 e 2015 nesta quinta fase. Na comisión están representados os técnicos da oficina de Rehabilitación e os grupos municipais.
Antón Louro informou de que a proposta de aprobación de 42 actuacións supera en dous as previstas inicialmente, ao encaixar dentro do orzamento dispoñible. Tan só unha solicitude foi desestimada por non adaptarse á normativa urbanística do Plan Especial de Estribela.
As actuacións previstas ata 2015 teñen un orzamento total de 337.837,55 euros, dos que serán subvencionados 265.601,14 euros. O importe das subvencións individuais ten un tope de 10.000 euros, ou ata o 80% da actuación. As cifras repártense entre as tres anualidades que van de 2013 a 2015.
As obras de rehabilitación teñen como groso a rehabilitación integral do edificio situado na avenida de Avelino Montero Ríos 58, a cargo dos 33 veciños do inmoble. Outras sete actuacións refírense a obras individuais de veciños de Estribela e o resto son actuacións mixtas entre vivendas e elementos comúns das edificacións.
No capítulo de obra pública, esta quinta fase inclúe a reforma integral da rúa Comboa, cun orzamento de 200.000 euros. O prazo para executar esta actuación chega, neste caso, ata 2016.
Como sempre, a execución das sucesivas fases da ARI de Estribela vanse solapando no tempo. Así as cousas, o departamento de Rehabilitación está executando xa as 31 actuacións de rehabilitación incluídas na cuarta fase.
Paralelamente, están a piques de realizarse as obras públicas desta cuarta fase, que inclúen a dotación de nova iluminación na área que acaba de recuperarse na praza Marqués de Valterra e a reforma da rúa Cruceiro.
Finalmente, Antón Louro deu conta aos membros da Comisión de valoración que no seu departamento seguen a espera de novas sobre o comezo da xestión e asignación dos primeiros obxectivos para a ARI do Centro Histórico, da que, despois do anuncio da súa concesión (realizado pola Xunta de Galicia na última campaña electoral), nada volveu saberse.