Traballos de reparación e mantemento na Xunqueira de Alba

63

 A Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona Anxos Riveiro, está a realizar diversos traballos de reparación e mantemento na Xunqueira de Alba centrados na entrada ao parque.
Por un lado, Parques está a reparar a senda de entrada á Xunqueira, aínda que o mal tempo destas semanas está a dificultar os traballos. A senda presentaba fochancas e pozas a consecuencia do uso e tamén dos traballos de construción da ponte das Correntes que afectaron a unha pequena parte na entrada á Xunqueira.
Está previsto que os traballos rematen ao longo da vindeira semana, dado que a chuvia está a dificultar os labores de explanado da senda que é de xabre.
Ademais, a Concellaría de Parques tamén está a facer traballos de mantemento dentro do recinto para cans habilitado á entrada da Xunqueira. Aínda que non está prohibido o paso, a Concellaría recomenda aos usuarios deste espazo que eviten o seu uso –a ser posible- durante estes días ou de facelo que estremen as precaucións porque se atopa moi enlamado.
A Concellaría quere pedir desculpas aos centos de pontevedreses que cada semana empregan a Xunqueira de Alba como zona de recreo, adestramento ou lecer polas molestias que  poidan causar estas obras ao inicio da senda, e procurará acelerar os traballos de ser posible.