Bota a andar a II Liga de Orientación Aromon-Chemasport

67

A II Liga de Orientación Aromon-Chemasport comeza este sábado. A Illa das Esculturas acolle a primeira das catro probas do calendario local que organiza o Club de Montañeiros A Roelo co apoio da Concellería de Deportes.
O evento foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, acompañado do presidente do club, Manuel Beloso, e o vocal de Orientación, Javier Alvelo, auténticos responsables do despegue deste deporte na cidade. De feito, hoxe deuse a coñecer que, tras o éxito da primeira edición da liga local, rexistraron un récord de afiliación, o que converteu ao A Roelo no club que máis creceu durante o ano pasado en toda España. Contan xa con 65 fichas.
Agustín Fernández destacou que esta segunda edición segue a ter como obxectivo a potenciación dun calendario dedicado ao deporte da Orientación con base na cidade. Así seguirá incluíndo as catro probas, que se celebrarán dende esta próxima fin de semana ata o mes de novembro na Illa das Esculturas, o lago Castiñeiras, o monte da Escusa e as instalacións do Casino Mercantil en Mourente. A novidade chega este ano coa aposta pola orientación en bicicleta de montaña nas probas do lago e a Escusa.
Manuel Beloso explicou que a primeira edición da Liga Aromon-Chemasport foi todo un éxito. Rexistrou unha participación de entre 100 e 200 deportistas en cada proba. Este nivel de aceptación levou tamén ao club a solicitar, co apoio da Concellería de Deportes, a organización dun Campionato de España e/ou dun Campionato Ibérico para os próximos anos.
Javier Alvelo explicou que cada un das probas desta segunda liga local contará coas categorías de Iniciación adultos/nenos, Aventura (federados) e Desafío (nivel de máxima dificultade e que, nalgunha das probas, incluirá a modalidade de Orientación sen mapa, contando só coa axuda das instrucións a través dun teléfono móbil).
As inscricións para a Liga poden facerse ata o xoves cun custo de 5 euros para as persoas que non estean federadas nin asociadas ao club. Os socios e federados pagarán 2 euros e os menores de 15 anos participarán de xeito gratuíto.
Máis información en www.aromon.es.