As obras da avenida de Lugo, apoiadas por veciños e comerciantes

70

O proxecto de reforma urbana do primeiro tramo da avenida de Lugo, no eixe urbano formado pola rúa de Loureiro Crespo, entra en fase de redacción final. A Concellería de Urbanismo iniciará en poucas semanas o procedemento de licitación co obxectivo de adxudicar as obras ao longo deste ano.
O concelleiro, Antón Louro, visitou hoxe a zona acompañado de técnicos municipais para manter conversas sobre o terreo con veciños e comerciantes. O paseo saldouse cun amplo apoio á reforma, dado que este tramo de rúa atópase en moi malas condicións, con servizos soterrados deficientes, beirarrúas irregulares (e mesmo inexistentes nun tramo) e báculos de iluminación obsoletos e mal situados.
Antón Louro tomou nota das suxestións achegadas e dixo que son todas elas compatibles co interese xeral. Hai coincidencia en ordenar e incrementar a rotación dos aparcamentos, establecendo senllos cordóns de estacionamento en liña, e tamén en dotar á rúa de zonas de carga e descarga das que agora carece. O tenente de alcalde garantiu que se manterá a dobre dirección, aproveitando que a rúa ten un ancho superior aos 24 metros.
O espírito do proxecto pasa tamén, explicou, por embelecer unha entrada importante ao centro urbano e que agora presenta un aspecto totalmente inapropiado. En posteriores fases, a Concellería de Urbanismo irá completando a obra, estendéndoa pola rúa de Loureiro Crespo.
O orzamento da actuación proposta ascende a 1,3 millóns de euros. O prazo de execución está aínda por definir, pero estará entre os 10 meses e un ano, dado que se trata dunha obra de gran volume. A pesar de que o tramo a reformar (entre a rotonda de Juan Carlos I (rotonda da serrería) e a do cruce da rúa San Mauro) ten unha lonxitude de só 258 metros, o gran ancho da vía fai que a superficie total a traballar alcance os 8.197 metros cadrados.
A obra dará gran importancia ao deseño das dúas rotondas que marcan os seus extremos. A de Juan Carlos I terá un diámetro interior duns 18 metros e un diámetro de circulación de 36 metros. A pequena rotonda da avenida de San Mauro, pouco funcional no seu actual deseño, ampliarase a 11,5 metros na súa estrutura interna e a 27,3 metros no bordo exterior de circulación.
En canto ás beirarrúas terán un ancho superior aos 3 metros e estarán realizadas con lastro (adoquín) cerámico e lousa hidráulica, adornadas por bandas de pedra. A ambos lados contarán cunha fila de  cerdeiras.
A obra inclúe a renovación completa dos servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contraincendios, así como a dotación do novo sistema de iluminación pública.