Melloras no primeiro tramo avenida de Vigo e nas transversais de Fernández Ladreda

76

Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces, responsables da área urbana e do barrio de Campolongo, manteñen esta tarde, a partir das 20.30 horas, unha reunión cos veciños da avenida de Vigo así como de Fernández Ladreda e da avenida da Estación para presentarlles as melloras que o Concello vai executar nesa zona nos vindeiros meses.
O obxectivo da xuntanza é informar sobre as actuacións que o Concello ten previsto realizar na zona e tamén recoller as demandas e suxestións da veciñanza. Esta reunión forma parte dunha xeira de encontros nos barrios para programar as obras de conservación e mellora deste ano, e recoller propostas con vistas a novas actuacións municipais nos anos 2014 e 2015.
Até o momento houbo xuntanzas similares na zona Leste, A Seca, Zona Monumental e Monte Porreiro. Nas vindeiras semanas continuarán con encontros coa veciñanza do Burgo, Mollavao, A Moureira, Barcelos-San Antoniño, etc.
No caso da zona comprendida entre a avenida de Vigo e Fernández Ladreda, os concelleiros informarán sobre o desdobramento da avenida de Vigo que mellorará considerablemente a mobilidade na zona.
O Concello recoñece que a avenida de Vigo, entre Fernández Ladreda e o nó do Pino, necesita dunha actuación importante de reforma urbana. Mentres se espera ao remate do seu desdobramento e se produza unha reordenación do tráfico, o Concello vai a executar varias actuacións puntuais de mellora:
1. Arranxo de beirarrúas en mal estado e mellora da accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas. Complementaranse as actuacións xa realizadas na zona de Fernando II e primeiro tramo da Avda de Vigo (ata a subida ao instituto).
2. Novos pasos de peóns. Os pasos existentes están moi distantes e é necesario crear algún novo na zona comprendida entre Urbano Lugrís (despois do Mercadora) e o Nó do Pino. Estudarase a construción de pasos de peóns elevados en toda a zona.
3. Mellora do pavimento, xa que está moi deteriorado.

Estacionamento provisorio
Outra das propostas que os concelleiros exporán aos é o acondicionamento dunha parcela de 3.300 m2 situada entre as rúas Pintor Urbano Lugrís, Pintor Virxilio Blanco e IES Torrente Ballester. Estes terreos están previstos para equipamento escolar, mais en tanto que a Consellaría de Educación non os solicite, prevese a explanación e acondicionamento como estacionamento provisorio.
O obxectivo desta actuación é dar resposta á elevada demanda de estacionamento tanto do instituto como dos residentes e empresas da zona.
As melloras na zona continuarán con obras de mantemento, reposición e mellora nas rúas Fernández Ladreda e nas súas transversais. Farase unha reparación de beirarrúas a cargo da Brigada de Obras dende mañá mesmo. Tamén se reporán árbores e mobiliario urbano.
Está previsto a reparación do firme de asfalto nas rúas Fernando III, Abilleiras, Alfonso IX e Rafael Alonso, todas elas transversais Fernández Ladreda.
Outro dos temas que abordarán na reunión son as previsións de desenvolvemento urbanístico nos terreos da ONCE, así como no polígono situado entre Alfonso X a ONCE e a rúa Fernando II.