Aberto o parque infantil da praza de Praceres logo da súa rehabilitación

35

O Concello de Pontevedra abriu esta tarde o parque infantil da praza da Praceres, logo de realizar unha reforma e rehabilitación intengral desta área infantil, que supuxo unha mellora substancial para esta zona da parroquia.
Os traballos consistiron na reparación do peche perimetral do parque, reparación ou reposición dos xogos e retirada dos bancos de formigón que estaban dentro da área infantil, dado que non era o mobiliario urbano máis apropiado para unha zona destas características. Ao retirar estes bancos, gañouse en espazo dentro do parque o que permitiu resituar os xogos dentro da área para aproveitar e facilitar o xogo dos máis pequenos dentro do parque.
Segundo explicou o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez, que acordou cos veciños esta rehabilitación, o único traballo que está pendente é a colocación do novo chan de caucho, dado que as condicións meteorolóxicas non foron as apropiadas (necesítanse varios días de bo tempo) para botar este tipo de firme.
O piso botarase cando as condicións meteorolóxicas melloren, a pesares diso a área infantil está lista para poder abrirse ao uso dos nenos da parroquia.