Pontevedra recibe o premio Intermodes

88

Pontevedra recibiu esta mañá o premio Intermodes 2013 nun acto celebrado durante o trancurso do Congreso Intermodes celebrado no Auditorium International de Bruxelas, ao que asistiu o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores en compañía de varios responsables de mobilidade do Goberno local. Ademais deste especial protagonismo, Pontevedra tamén participou directamente no congreso cunha ponencia a cargo do intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle sobre o sistema de mobilidade da cidade do Lérez.

O alcalde agradeceu así o premio entregado á Pontevedra:

 

Bos días, gracias

Os nosos máis sinceros agradecementos aos organizadores por este premio INTERMODES 2013.
Pontevedra, con oitenta e tres mil habitantes, é a capital das Rías Baixas, rexión xeográfica paradisíaca, na fisterra ibérica, na Galiza.
Moi lonxe de Madrid, pero moito mais dos grandes centros económicos e de decisión da Unión Europea, este premio INTERMODES 2013 ten unha enorme transcendencia.
Gracias, moi agradecido.

Dende 1999 percorremos un camiño rápido para devolverlle a cidade aos cidadáns, para converter unha cidade residencial, administrativa e comercial, absolutamente colapsada pola invasión de coches, nun centro de vida social, seguro, cómodo, agradábel e con cohesión social.

É común concibir a intermodalidade limitada a interconexión de modos de transporte motorizados.

En Pontevedra fixemos, consciente e planificadamente, unha revolución nesta área. A mobilidade prioritaria dentro da cidade ten que ser a peonil e a intermodalidade na cidade debe ter como elemento central esta mobilidade peonil.

Catorce anos despois, este camiño, ten dado uns froitos extraordinarios:
• Os nenos poden ir sós e andando á escola. Cidade educadora que fomenta a autonomía dos meniños. Premio Fundación Meniños galega.
• As persoas con mobilidade reducida poden moverse comodamente por toda a cidade. Premio Español CERMI. Convidados polo Goberno de Portugal.
• A cidade recuperou o seu ambiente orixinario e acadou unha grande calidade urbana. Premio nacional galego de recuperación urbana.
• A seguranza viaria é moi elevada, a percepción de perigo e as molestias e contaminación desapareceron. Premio español FEXVIAL de seguranza viaria
• Toda a cidade, absolutamente toda, ten como límite máximo 30 km/hora dende 2010. Premio Estatal de Seguranza Viaria.

A mobilidade e intermodalidade están centradas na mobilidade peonil que supera as dúas terceiras partes dos desprazamentos intra-urbanos. Por esta razón é posíbel e razoábel o metrominuto.

Para Pontevedra, cidade premiada reiteradamente, este é un premio moi diferente.

Por un lado, por ser concedido por unha entidade europea, o que amosa que a nosa experiencia está traspasando fronteiras. Agardo no futuro unha relación máis directa para intercambiar experiencias.

E por outro, é un premio concedido directamente á mobilidade e a intermodalidade, precisamente os aspectos que xeran máis dúbidas e provocan máis resistencias cando se trata de pór en práctica medidas profundas de potenciación da mobilidade peonil.

Por isto é un premio moi especial, decisivo para referendar o modelo urbano e de mobilidade de Pontevedra, modelo que foi posíbel por ter uns obxectivos claros e unha alta implicación dos cidadáns. Gracias Pontevedra.

Imaxinamos unha cidade sen claxons, freazos, fumes, ruidos, onde os sons dominantes son as voces dos nenos e os trinos dos paxaros.
Hoxe, esa cidade é Pontevedra. 

De novo gracias
Moitísimas gracias.

Pola súa banda, o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participou este mediodía na terceira mesa de debate do Congreso Intermodes 2013 no que se premia a cidade de Pontevedra polo seu modelo urbano. Xunto ás experiencias do Grand Paris e de Amsterdam, tratou de expoñer as solucións de mobilidade que aplicou Pontevedra.

A intervención de Daniel Macenlle tratou de centrar Pontevedra como un centro importante de recepción de tráfico dunha comarca que xenera ao ano arredor de 50 millóns de desprazamentos en vehículo privado e arredor dun millón de desprazamentos en transporte público, basicamente a través da estación de autobús e do tren.
Neste sentido, a cidade de Pontevedra, como o resto, presenta uns recursos escasos e un parque móbil crecente ano a ano. Ante esta situación, o Goberno Local con todos os servizos municipais en perfecta comunión adoptaron as seguintes prioridades dentro das vías públicas:
• Que os espazos peonís estiveran a disposición das persoas, aceptando un tráfico moi reducido e con carácter de servizos (carga e descarga, residentes…), case con razón de necesidade.
• Que no resto da cidade se repartiran os espazos acorde coas necesidades máis importantes. Así nas vías de máis de 12 metros de ancho habilitouse un carril central e déuselle o 50% do espazo público para os peóns.
• Fíxose un plan de estacionamentos gratuítos e con carácter disuasorio que permite chegar ao centro da cidade en cuestión de minutos. Tamén existe a alternativa de acudir a estacionamentos de pago, no mesmo centro urbano.
Todo isto supuxo a reducción do tráfico dunha maneira drástica no centro da cidade e permitiuse devolver os espazos públicos para os peóns. Consecuentemente incrementouse a calidade de vida, os espazos públicos, a cohesión social e a seguridade cidadá.
Un piar básico foi a limitación da velocidade en todo o centro urbano a 30km/h así como a implantación de barreiras físicas que impiden deixar o cumprimento da normativa de tráfico ao arbitrio dos condutores.