Pontevedra será o primeiro concello galego en regular os furanchos de acordo coa nova normativa autonómica

65

A Tenencia de Alcaldía de Urbanismo do Concello de Pontevedra, que dirixe Antón Louro Goyanes, vén de presentar diante da Comisión de Urbanismo o proxecto da ordenanza reguladora da actividade de furanchos e loureiros de Pontevedra.
Trátase da primeira ordenanza reguladora deste tipo que se aproba en Galicia, tras a entrada en vigor en novembro de 2012, do Decreto 215/2012, de 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia. O Concello de Pontevedra convértese, deste xeito, no concello de referencia en Galicia na regulación deste sector.
Antón Louro ten intención de levar a Ordenanza ao Pleno deste mes con obxecto de proceder á súa aprobación inicial. A partir de aí exporase ao público durante un mes e, trala resolución das alegacións, volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva. Entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia. O tenente de alcalde agarda que o proceso estea rematado esta primavera ou a principios do verán.
A nova ordenanza obriga aos establecementos furancheiros a regularizar a súa actividade e adaptala á lexislación vixente en materia urbanística, de prevención de riscos e sanitaria, así como ás normativas sectoriais galegas. Á parte, o establecemento deberá dispor dunha póliza de responsabilidade civil que garanta os posibles danos ou problemas derivados da súa actividade ata un importe de 90.000 euros.
Antón Louro destacou que a nova ordenanza é un texto sinxelo que delimita con claridade que se considera como furancho e o ámbito da súa actividade. Un texto que apunta, en consonancia coa Lei de Turismo galega, os límites das prácticas que poden dar lugar ao intrusismo profesional co resto dos negocios do eido da hostalería.
A nova regulación foi consensuada co sector furancheiro que puido facer as súas achegas. A meirande parte foron incluídas no novo texto, entre outras, o prazo da temporada de actividade, que será dende o 1 de marzo ao 31 xuño. Cada local poderá abrir un máximo de tres meses. Inclúese tamén un listado conxunto de tapas que se servirán nos furanchos (táboa de embutidos-queixos, orella-chourizos, zorza-raxo, tortilla de patacas e empanada/empanadillas). O horario será de 17.00 a 00.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 01.00 horas en fins de semana e vésperas de festivo.
A nova regulación crea ademais o Rexistro Municipal de Furanchos de Pontevedra, no que os establecementos furancheiros terán que inscribirse obrigatoriamente para obter o permiso de actividade, que será concedida pola Xunta de Goberno Local de Pontevedra unha vez analizada a declaración responsable e toda a documentación presentada polo solicitante.
Os establecementos furancheiros, que só se permitirán nas zonas rurais de Pontevedra, terán ademais prohibida a sinalización do furancho a través de calquera panel ou indicativo que non sexa unha folla de loureiro, tal e como establece a normativa. O viño que se venda terá que ser colleitado no término municipal de Pontevedra ou na súa bisbarra.
Coa nova ordenanza nace tamén o distintivo “Furanchos de Pontevedra”, que servirá para garantir ao cliente a legalidade dos furanchos e o seu control de calidade. O distintivo, que terá que estar sempre colocado en lugar visible do establecemento, será a garantía legal de actividade e terá obrigatoriamente que ser renovado anualmente.
A tradición furancheira en Pontevedra é unha actividade que vén de lonxe. Segundo se afirma na exposición de motivos da ordenanza, “A regulación da produción e da comercialización e venda do viño propio ocupou tradicionalmente un senlleiro espazo nas ordenanzas e acordos municipais ao longo da historia do noso Concello”. “Xa no Libro do Concello de Pontevedra (1431-1463), recóllese que un dos produtos que daquela máis beneficios económicos achegaban á cidade era o viño. A Boa Vila, estaba daquela circundada por unha paisaxe de hortas e viñas que producían un viño chamado “ullao”, que era obrigado consumilo fresco ou do ano, por mor da súa baixa gradación e conservación non moi boa”.
“Esas ordenanzas históricas mesmo impuxeron medidas proteccionistas para o noso viño que era eximido de gabelas e mesmo chegouse a prohibir a venda de viño foráneo durante certo tempo e mentres non se rematase a comercialización da colleita propia da vendima anterior, para asegurar, deste xeito, a súa venda a bo prezo e evitar que se deixaran de labrar as viñas. Está documentada dende o 1492 a imposición de estanco para o viño foráneo, caso de haber colleita dabondo, e tamén sabemos que por sentenza posterior do 1496 permitíuselles aos mareantes traer ás súas casas viño foráneo para consumo propio, non para a venda, ata o remate da colleita do vendimado”. Daquela, Pontevedra era o cerne da comercialización a través do porto dos caldos que procedían fundamentalmente da Ribeira do Avia.