O Concello celebra a Comisión de deslinde para abordar as discrepancias con Poio

75

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a Comisión de deslinde co Concello de Poio que está presidida polo concelleiro de Patrimonio, e integrada por un representante de cada grupo político municipal e un técnico municipal. Nesta comisión acordouse achegar toda a documentación posible sobre esta cuestión que pivota sobre dous deslindes: o de 1889 e o de 1938.
O concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima fixo esta mañá unha breve explicación das discrepancias históricas entre as Corporacións de Pontevedra e as de Poio, que nace no ano 1938 cando se fixa un deslinde distinto ao establecido no ano 1889. No ano 38 convócase unha comisión de deslinde a que só asiste Pontevedra, e acórdase, conforme a dereito, un novo linde entre os concellos.
A vida entre os dous concellos discurre normalmente até que no ano 1984 Poio reclama un deslinde distinto, mentres que as sucesivas Corporacións Municipais de Pontevedra defenden os lindes de 1938.
Cando Pontevedra aproba o Plan de Ordenación Municipal de 1989, o Concello de Pontevedra recurre a parte en relación ao deslinde, e o TSXG acorda suspender o Plan neste punto, que afecta a zona de Bombeiros, o antigo Parques e Talleres do Exército, a fábrica de Ladrillo, parte da avenida de Domingo Fontán até a Ponte das Correntes.
Nas sucesivas reclamacións xurídicas e administrativas, Poio solicita á Xunta que inicie o deslinde seguindo a normativa. Ante o silencio administrativo do Goberno autonómico, o Concello de Poio solicitao ante o TSXG no ano 1995, que insta á Xunta a que inicie o deslinde. Ao inadmitir o Tribunal Supremo o recurso do Concello de Pontevedra que defendía os lindes de 1938, a situación queda parada durante anos, até que alguén no concello de Poio solicita a execución da sentenza do TSXG.
Consecuentemente, o Concello de Pontevedra aproba en pleno por unanimidade dos grupos a creación da Comisión de deslinde arriba mentada “que é a que ten a obriga legal de decidir sobre este deslinde, e non poden ser expertos de fóra quen o fagan, só poderían asesorar”, explicou o concelleiro de Patrimonio esta mañá.
O pleno da Corporación de Poio fixo pasos similares ao de Pontevedra e acordaron xuntarse o vindeiro 21 de marzo para abordar as discrepancias de ambos concellos en relación a este deslinde.
O concelleiro de Patrimonio recalcou esta mañá que “non existe conflicto ningún entre o Concello de Pontevedra e o de Poio, soamente discrepancias de carácter administrativo e cunha grande historia detrás sobre o deslinde entre ambos concellos”, que estaría ceñido á areneira, o cuartel da Garda Civil, o parque de Bombeiros até a ponte das Correntes.
Vicente García Legísima dixo que o Concello de Pontevedra está disposto a abordar esta cuestión con total tranquilidade como require este asunto para chegar ao acordo que mellor conveña a ambos concellos e aos cidadáns de Pontevedra e de Poio que dende sempre mantiveron unha convivencia cordial.