Carlota Román e as entidades empresariais locais alíanse para captar recursos para a formación laboral

88

As asociacións empresariais de Pontevedra e a Concellería de Promoción Económica darán un paso máis no seu esforzo de coordinación das actividades de formación e inserción laboral. Despois do convenio asinado o pasado 5 de xuño, onte venres decidiron unificar as súas peticións de axudas ao Instituto Galego de Promoción Económica.
A concelleira, Carlota Román, presidiu unha xuntanza de seguimento do convenio na que se constatou o drástico recorte nas axudas públicas da Xunta de Galicia para as actividades de formación laboral. Ademais, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten suprimido o ente BIC Galicia, encargado ata o de agora do apoio docente e material a este tipo de cursos e actividades, o que supón, na práctica, a desaparición de boa parte dos recursos públicos.
Román e as directivas da Cámara de Comercio, Aempe e AJE acordaron, diante desta situación, elaborar un proxecto conxunto de emprendemento e á formación e inserción laboral. A situación actual obriga xa non só a coordinar, senón a unificar todas as propostas que se realicen dende Pontevedra, explica Carlota Román.
Os técnicos da Concellería de Promoción Económica e as organizacións empresariais traballarán nas próximas semanas na elaboración do proxecto conxunto, que deberá ter un carácter innovador para poder competir nas convocatorias que realice o IGAPE nun contexto tan restritivo.
Por outra banda, Concellería e entidades empresariais acordaron tamén incluír enlaces nas súas respectivas plataformas de Internet ás actividades que organicen o resto de entidades locais.
Finalmente, tomouse o acordo de colocar un soporte físico nun punto céntrico da cidade no que se informe de cantas convocatorias que, en materia de formación e emprendemento, realicen a Concellería de Promoción Económica, a Cámara de Comercio, Aempe e AJE.