Profesores de seis países visitan o colexio de San Bieito de Lérez e coñecen Pontevedra co programa “Comenius”

59

Un grupo de 17 profesores chegados dende seis países están participando nun programa europeo de intercambio organizado polo colexio San Bieito de Lérez. A iniciativa, encadrada dentro do proxecto “Comenius”, levou aos docentes ata o Concello de Pontevedra, onde foron recibidos polos titulares de Educación, Agustín Fernández, e Turismo, Carlota Román.
O grupo procede de colexios de Lousada (Portugal), Berlín (Alemaña), Calais (Francia), Kifisia (Grecia), Imola (Italia), Lezajsk (Polonia). Á cita no Concello só faltaron tres profesores de Estambul (Turquía), que sufriron un atraso na viaxe e non chegarán a Pontevedra ata esta tarde. Chegaron acompañados do director do San Bieito, Luis Losada e membros do seu equipo directivo.
Os profesores europeos falaron cos concelleiros sobre a organización do sistema educativo español e das competencias da Administración local, como responsable do mantemento e conservación dos centros de Educación Infantil e Primaria.
Durante a xuntanza, Agustín Fernández explicou que o concello conta con 21 colexios públicos e que, a pesar das súas reducidas competencias en materia educativa, vai moito máis alá, tanto na execución de obras, como no impulso a programas específicos. O concelleiro citou o apoio á lingua galega, o programa de animación á lectura e á escrita creativa, os cursos de técnicas de estudo, o programa de apoio ás familias con nenos/as hiperactivos ou con déficit de atención, os comedores escolares, o plan Madruga e as ludotecas de verán e Nadal. Falouse tamén da recente concesión do premio Intermodes á cidade e do gran potencial deportivo de Pontevedra, dado que aos visitantes chamoulles á atención a cantidade de xente que corre ou practica piragüismo en Pontevedra.
A comitiva que hoxe estivo no Concello permanecerá toda a semana na cidade. O mércores participarán, xunto con Agustín Fernández, na emisión dun programa da emisora Onda Cero no propio colexio. O xoves gozarán dunha visita guiada pola cidade.
O programa europeo Comenius ten como principal obxectivo fomentar a mobilidade e a cooperación entre os centros educativos de toda Europa en Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Pretende promover a multiculturalidade, difundir as mellores prácticas en materia de educación, novos métodos didácticos e desenvolver e difundir cursos de formación para o profesorado. Este ano está dedicado á promoción da saúde e á importancia da alimentación.