Comezan os traballos para instalar un gran transformador baixo o Paseo Odriozola

38

 As obras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas das rúas perimetrais da praza da Ferraría adéntranse nestes días nun momento clave da obra: a creación da fosa situada no paseo de Odriozola na que se instalará un gran transformador eléctrico (de Fenosa).
Esta mañá comezaron estes traballos que están a resultar moi chamativos para as ducias de usuarios da Ferraría, porque unha pala está a abrir unha zanxa de grandes dimensións que servirá para acoller este transformador soterrado. Se os traballos continúan ao ritmo actual, o transformador instalarase a vindeira semana.
Cabe lembrar que o proxecto de accesibilidade nas perimetrais da  Ferraría está financiado polo Concello, ademais de polo Imserso e a Once, que se achega aos 170.000 euros.
Os traballos consisten na colocación do pavimento a nivel da praza da Ferraría, eliminando as barreiras arquitectónicas no Paseo Odriozola ata o seu entronque coas rúas Laranxo e Pasantería e que se prolongará até a rúa San Román. Este último tramo xa está rematado, e os operarios traballan na actualidade no Paseo Odriozola no ámbito das rúas Laranxo e Pasantería.
Ademais o proxecto contempla a renovación dos servizos: gas, electricidade, telecomunicacións, auga…
Dos 170.000 euros de custe do proxecto, o Concello fai unha achega de 100.000 euros e o resto procede dunha subvención concedida polo Imserso e a ONCE.
As pretensións municipais ao respecto da Ferraría eran máis ambiciosas. O proxecto inicial supoñía a reposición de todo o enlousado da praza, pero a axuda dos organismos estatais quedou en 70.000 euros polo que o Concello acordou rebaixar a actuación e limitala á eliminación das barreiras da praza.