Melloras no ámbito das rúas das Abilleiras e Fernando III

92

Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces manteñen esta tarde unha reunión cos veciños das rúas das Abilleiras e Fernando III para estudar sobre o terreo as necesidades destas rúas transversais a Fernández Ladreda, compromiso adquirido polos concelleiros na última xuntanza mantida no IES Torrente Ballester.
O propósito do Concello é iniciar diversas melloras na zona, que presenta importantes deficiencias derivadas, na maior parte, de dificultades urbanísticas e de disponibilidade de terreos. Actualmente estase a tramitar un proxecto de delimitación de polígono en solo urbano non consolidado e un plan especial de reforma interior para o desenvolvemento urbanístico entre Fernando II e a ONCE. Este proxecto permitiría darlle continuidade e saída as viais que arrancan de Fernández Ladreda (Rafael Alonso, Fernando III e Abilleiras) cara aos terreos da ONCE.

Rúa das Abilleiras
No caso da rúa das Abilleiras, a ampliación do vial está condicionada polo edificio do Cash Galicia, que tamén dificulta a continuade da rúa Fernando II (sae da avenida de Vigo) cara a Afonso X.

No segundo tramo da rúa das Abilleiras está previsto pavimentar o terreo que actualmente está en moi mal estado, con grandes fochancas e pozas de auga. Previamente estase a determinar a titularidade de diversas parcelas que na actualidade se usan como zona de estacionamento indiscriminado.
A previsión municipal é acondicionar esta zona nas próximas semanas, con cargo ao contrato de mantemento de vías públicas que se adxudicou hoxe.

Fernando III
Ao respecto da rúa Fernando III, rúa transversal de Fernández Ladreda, abordarase a situación entre o terreo e galpón situado ao lado do edificio nº 19 da rúa Fernández Ladreda, esquina a Fernando III o Santo.

Trátase dunha parcela de 80 m2 que segundo o rexistro da Propiedade de Pontevedra pertence á comunidade de propietarios do citado edificio.

A previsión do Concello é negociar a disponibilidade deste terreo para poder ampliar a rúa no entronque con Fernández Ladreda, actualmente moi estreito. No resto do vial existen outros problemas derivados da diferencia de cotas e desniveis do terreo, que é preciso resolver para a futura urbanización da rúa.

Paralelamente e con carácter inmediato, as Brigadas municipais de obras realizarán arranxos nas beirarrúas e nos viais deste ámbito.