Nove ofertas para a primeira fase de rehabilitación do edificio do Concello

68

O Concello de Pontevedra recibiu nove ofertas económicas para executar a obra de acondicionamento exterior da Casa Consistorial, que ten un prezo de licitación de 321.300,76 euros para recuperar a cuberta, a súa estrutura e a carpintería exterior. A primeira sesión da mesa de contratación celebrouse esta mañá, na que se lle reclamou documentación adicional a tres empresas.
As ofertas que recibiu o Concello para a contratación desta obra foron:
• Constructora Ediserpo S.L.
• Dicsa Decoración, instalaciones y construciones SAU.
• Abilleira construcciones y proyectos avanzados S.L.
• Balboa y Buceta Construcciones
• Tuconsa
• El Corte Inglés
• Proycoga
• Copcisa
• Orega

No inicio deste mandato o Goberno local acordou realizar a rehabilitación do edificio de Sesmero por fases, dado a situación ecónomica actual e o importante custe que deberían asumir as arcas municipais ao facer fronte a unha rehabilitación integral duns 2,5 millóns de euros. Sen descartar a rehabilitación integral do edificio principal do Concello, o Goberno Local apostou por ir realizando a reforma por fases, e atendendo ás prioridades do edificio.
A primeira parte da obra atenderá ao acondicionamento exterior do edificio. Ao respecto da cuberta da Casa Consistorial devolveráselle o acabado de zinc que tiña a edificación na súa orixe, ennoblecendo o inmoble e recuperando o acabado tradicional. Tamén se renovarán todas os elementos da cuberta como canalóns.
Os arranxos tamén se estenderán á estrutura da cuberta, unha estrutura de madeira que está atacada por carcoma, carcoma grande e termita. Daráselle un tratamento de desinfección e protección para evitar futuros ataques.
Outros dos traballos desta primeira fase de rehabilitación é a reparación, recuperación e substitución das ventanas e portas da carpintería exterior de todo o edificio. En concreto, as portas principais (entradas principal e traseira) someteranse a un importante proceso de restauración dado o seu importante valor patrimonial e histórico.
O último dos aspectos da obra será a reparación de todos os panos brancos exteriores do edificio que se picarán e serán substituídos por morteiro de cal tradicional, recuperando, tamén, a orixe do edificio e seguindo os mesmos criterios cos que se actuou noutros edificios nobres da cidade.
Vindeiras sesións da mesa técnica de contratación permitirá coñecer as ofertas económicas das empresas, así como as melloras que ofertan para esta primeira fase de rehabilitación do edificio principal do Concello, para finalmente facer unha proposta de adxudicación.