A Concellería de Promoción Económica pon en marcha un curso para axudar aos emprendedores a crear unha empresa

69

Un total de 24 persoas comezaron hoxe un curso de formación sobre Creación de Empresas. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, inaugurou hoxe a iniciativa, que é a segunda que promove o seu departamento dentro do proxecto Iniciativa Local de Emprego Social (ILES).
O grupo, formado por 15 mulleres e 9 homes, foi seleccionado en base aos datos achegados nas súas solicitudes e a memoria sobre a súa idea empresarial. Na relación hai ideas no campo da Delineación, Tempo Libre, Turismo, Restauración de Bens Culturais, Arquitectura, Sanidade, Alimentación, Consultoría e Asesoría de empresas, Venda por Internet  (incluíndo unha tenda Online de pezas de moto), Telecomunicacións, Organización de Eventos, Coworking para autónomos, Asesoría contable, Aforro enerxético e Xestión de Emprego no estranxeiro.
Na súa intervención, Carlota Román, cualificou a situación socioeconómica actual como dramática e lembrou que só en Pontevedra hai 9.000 parados. Animou aos participantes a sacar adiante as súas ideas empresariais e pelexar por elas. Hai, dixo, exemplos de xente que ten trunfado a partir dunha boa idea.
Na súa opinión, o Goberno do Estado está a fracasar nas súas políticas activas de emprego e no apoio ao emprendedor. Todos os esforzos serán baleiros se non hai apoio económico ao que decide poñer en marcha un negocio. O gran lastre da nosa economía é a falla de crédito. Podemos estar moi ben formados e ter proxectos excelentes, pero se non hai financiamento é case imposible botar a andar, engadiu.
Carlota Román explicou que a Concellería de Promoción Económica, a pesar da escaseza de recursos económicos e de que carece de competencias nesta cuestión, está a piques de poñer en marcha un Centro de Iniciativas Empresariais na rúa de Santa Clara. Un viveiro de empresas no que terán cabida cinco proxectos, que pasarán a dispoñer dun local e de asesoramento dos técnicos de emprego municipais. Engadiu que na cidade hai outros espazos emprendedores como son o da Cámara de Comercio e o da “Asociación de Jóvenes Empresarios” que ofrecen recursos de interese.
O curso que hoxe comezou desenvolverase ata finais de marzo. O programa inclúe un primeiro módulo para identificar o perfil do emprendedor. A continuación abordarase a Guía para a creación dun plan de negocios, as formas xurídicas das empresas, do contrato de traballo, o Plan de Márketing, as axudas e subvencións existentes, o contrato de aluguer, o Plan de Investimento, o Plan de Financiamento e, finalmente, a Análise económica e financeira (xestión do orzamento de ventas anual, mensual e diario).