O Concello apoia a campaña de apoio ao equipo azul “Eres un 10. Contigo siempre, Teucro”

45

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, recibiron hoxe á directiva do Teucro para expresarlle o seu total apoio á campaña “Eres un 10. Contigo siempre, Teucro”, coa que se pretende recadar fondos para axudar ao club pontevedrés, que pasa por graves dificultades económicas.
A novidosa campaña ofrecerá a todos os pontevedreses a posibilidade de doar 10 euros ao club a cambio de incluír os seus nomes nunha “macrocamiseta” conmemorativa (duns 3 metros de envergadura) que se presentará durante o último partido en casa, alá para o mes de abril. A participación implica tamén a obtención dunha entrada para calquera partido dos que se xoguen en casa de aquí ao final da temporada.
Alcalde e concelleiro coincidiron en cualificar a iniciativa como moi positiva e anunciaron a súa participación. Ademais estiveron de acordo en que se estenda ás máis de 400 persoas que compoñen o cadro de persoal do Concello. Así, os traballadores municipais recibirán nos próximos días un vale, intercambiable nas taquillas do Pavillón dos Deportes por unha entrada para ver ao Teucro. O cambio implica tamén a inclusión do nome do participante na “camiseta 10”.
A comitiva do Teucro estivo encabezada polo seu presidente, Carlos García Alén, quen estivo acompañado da secretaria, Marisé Paz; os vocais Javier Domínguez e Pablo Escudero e o deseñador da campaña, Javier Aguiló.
García Alén explicou que con esta iniciativa pretenden sentir o alento da cidade e o apoio social nun momento económico moi difícil, no que o equipo está necesitado de canta axuda poda acadar. Estamos moi ilusionados, afirmou, porque é unha oportunidade de que todos os pontevedreses colaboren para que esta institución poda seguir a labrar a súa historia.
A campaña será presentada tamén nos próximos días a outras institucións, así como a empresas e asociacións de todo tipo.