A toda máquina! XIV Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra

47

Un ano máis por estas datas a concelleira de Cultura Anxos Riveiro presenta unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A 14ª, que levará por título “A toda máquina!” e se celebra entre os días 2 e 23 de Marzo no Pazo da Cultura.
Este proxecto, promovido polo Concello de Pontevedra no ano 1999 co afán de reunir a un grupo de persoas en torno a unha mesma afección, a lectura, foi derivando ao longo das súas xa 14 edicións ata converterse nun evento cultural e literario considerado un referente máis ala das fronteiras de Pontevedra e Galicia.
Coa finalidade de fomentar a lectura en galego, a creatividade e a imaxinación dos nenos/as dende ben pequenos/as e motivalos cada ano cunha temática distinta, o Salón prolóngase nesta ocasión durante 3 semanas. Serán preto de 100 actividades as que se celebrarán, destinadas a todas as idades e públicos, tanto concertados como en aberto, mantendo así o número de actividades do ano pasado, coa diferencia de que a edición 12+1, durou un mes enteiro.
Esta 14ª edición, que homenaxea a traxectoria da escritora Marilar Aleixandre, xirará em torno ao lema “A toda máquina!”, invitando aos participantes a inventar, crear, experimentar, construir e proxectar ideas e facelas realidade para este Salón, tal e como fixo a ilustradora da AGPI Almudena Aparicio, deseñadora do cartel.
Contacontos, obradoiros para todas a idades, teatro infantil e xuvenil/adulto, roteiros, pasarrúas, actividades para bebés, presentacións de libros, os Bolechas, Espazo Wii, espectáculos musicais e diferentes exposicións serán as pezas que fagan que o Salón do Libro vaia  “A toda máquina!”.
NOVIDADES: Este ano, o Salón debido a afluencia de público, decidiu abrir as súas portas tamén os domingos pola tarde, podendo visitalo e participar das numerosas actividades da fin de semana en horario de 11:00h a 14:00. e de 17:00h a 20:30h os sábados e domingos.
Por outra banda, as Tardes na Sala, ademais dos contacontos e títeres habituais, apostan nesta ocasión por obradoiros en aberto que fomenten a participación dos nenos/as e os seus acompañantes, se cadra.
Do mesmo xeito, as presentacións que realizarán as editoriais serán máis dinámicas, e contarán en moitos casos con obradoiros, música, actividades didácticas.
E, como de máquinas vai o conto, teremos habilitado un Espazo Wii, con consolas e videoxogos cedidas por Nintendo Ibérica, permantemente monitorizado onde se celebrarán concursos e torneos con videoxogos educativos e didácticos polas tardes e o fin de semana.
ACTIVIDADES DE RÚA: como na edición anterior o Salón do Libro sae ás rúas de Pontevedra con actividades de animación antes da súa inauguración.
• Que ven o lobo!: O venres 22 de febreiro pola mañá Orbil, a mascota do Salón, viaxa nun tren a Santiago onde se achegará a visitar varios centros de ensino e outros puntos do centro histórico de Santiago.
• Pasarrúas de Os Bolechas: o venres 22 de febreiro a partir das 17.00 h os Bolechas farán un percorrido polas rúas do centro histórico.
• Velocíclopes: o sábado 23 de febreiro a partir das 11.00 h a compañía Fantoches Baj, cos seus particulares vehículos circularán polas rúas do centro histórico.

TEATRO: Serán 4 as obras que conformarán a oferta teatral desta edición e, como ven sendo habitual realizaranse pases concertados con centros escolares e para público en xeral.
• Infantil:
o “O soldadito de chumbo” (Baobab Teatro) o 13 de marzo. A partir de 4 anos.
o “20.000 leguas de viaje submarino” (Rayuela Producciones) o 15 de marzo. A partir de 7 anos.
o  “Seis Barbudos”: Espectáculo inédito deseñado en exclusividade para o Salón do Libro baseado no libro de OQO Editora, no que María lado e Lucia Aldao interactuarán co público asistente acompañados polos músicos do Seminario Permanente de Jazz. O 19 de marzo. A partir de 3 anos.
• Xuvenil/Adulto: “Románticos” de Mofa e Befa, con Quico Cadaval e música de Piti Sanz, o 20 de marzo. A partir de 12 anos.

EXPOSICIÓNS: Un ano máis serán moitas e variadas as exposicións que poderedes visitar na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de xeito gratuíto e libre en horario de tarde de 17:00h. a 20:30 pola semana e de 11;00h a 14:00h e de 17:00h a 20:30h os sábados e domingos.
• Traballos dos centros de ensino de Pontevedra: Máis de 30 centros escolares da provincia de Pontevedra e 1 centro invitado de A Coruña levan meses traballando en torno ao tema do Salón para sorprendernos a todos e, estamos seguros de que así vai ser.
• “Máquina traviesa” da Escola de Canteiros
• “Evolution”
• “Parafusos, alambiques e birleques”. AGPI
• Exposición sobre Marilar Aleixandre, Autora homenaxeada.
• Afiador, Roda de Leonardo e Garlopa. Máquinas cedidas polo CIFP A Xunqueira
• Ambientación Xeral do Pazo da Cultura. Escola de Tempo Libre Paspallás.
• Vestíbulo de Acceso ao Salón. Ambientado polo alumnado do Mestrado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas,
• Debuxando Máquinas. Traballos dos nenos e nenas dos centros de ensino participantes.
Na Sala Sargadelos, a partir do día 8 de marzo, “Espérame, se é que te vas primeiro” de Cristina Durán e Borxa Guerrero Parapar. Aberta en horario comercial.
MÚSICA: “A cidade das máquinas” da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, “As pombas de Carboeiro” de Fantoches Baj e a Banda de Música de Pontevedra, o alumnado da AFI, o Seminario Permanente de Jazz e a Orquestra de Cámara de Lira porán a nota musical a esta edición.
ROTEIROS: “Pontevedra cara o futuro” e o título que levan os roteiros que se poden concertar de xeito gratuíto para centros escolares e grupos en horario de 10h. 11h. e 16,30 horas dende o día 12 ao 22 de marzo. Un percorrido pola cidade no que coñeceremos a evolución dende os romanos ata os nosos tempos, e se cadra, algo máis…. (Non disponible a fin de semana).

OBRADOIROS ADULTOS: Gratuítos e con inscrición previa ata o 15 de marzo mediante a web www.salondolibro.org serán 3 os obradoiros para adultos que se celebrarán na derradeira semana. A partir de 16 anos. Prazas limitadas.
• Querer contar nos contos: Obradoiro de iniciación ao universo da narración oral con Celso Fernández.
Do Luns 18 ao venres 22 de marzo. De 18:30 a 20:30 h.
• Fabricando ambiente: Obradoiro de preparación de perfumes, tinguiduras, ecolimpadores, encadernación artesanal, e reutilización e reciclaxe de papel con Ventos Estudios Ambientais.
Do Luns 18 ao venres 22 de marzo. De 18:30 a 21:00 h.
• Arduino no Ensino: Obradoiro de iniciación ao universo Arduino con  Luís Diéguez González.
Do Luns 18 ao venres 22 de marzo. De 18:30 a 20:30 h.
CENTROS ESCOLARES: Máis de 30 centros son os que participarán activamente cos seus traballos, debuxos de “Debuxando Máquinas”, nenos contadores, etc. En total serán máis de 3.200 nenos de infantil, primaria e secundaria os que pasarán na primeira semana polo Salón para ver os seus traballos e gozar dos contacontos e obradoiros concertados cos que se lles agradecen as horas adicadas.
Preto de 3.000 serán tamén os nenos e nenas de toda Galcia que non perderán a oportunidade de visitalo os seguintes días.
Así é que se lle sumamos os que asistirán ás función teatrais e os roteiros concertados a previsión estimada supera os  9.000 escolares.
Para facilitar o desprazamento dos centros escolares, contamos este ano coa colaboración de Renfe que oferta un 50% de desconto aos escolares menores de 14 anos, a gratuidade para os profesores/titores que os acompañan e, con comunicación previa da organización, deixará aos grupos na parada da Universidade.


Un ano máis, toda a organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil  de Pontevedra quere agradecer aos centros escolares, entidades colaboradoras, editoriais, contancontos, librarías, agrupacións musicais, equipos de ambientación, etc o seu esforzo e colaboración e como non á prensa pola súa cobertura e difusión. Sen todos eles, e todos vos, este proxecto non sería posible.

PD. Este ano imos A toda máquina!!! Avisados estades…

Ver documento PDF