As obras do Plan de emerxencia encaran a súa recta final

57

O Concello de Pontevedra encara nestas semanas os últimos traballos do Plan de emerxencia que activou en xaneiro para reparar diversos espazos peonís na cidade que se viron moi afectados polos temporais de chuvia dos meses de novembro e decembro.
Nestas semanas investíronse máis de 162.000 euros que serviron para substituir lousas defectuosas e, incluso, panos enterios de paseos peonís en zonas de elevado tránsito como en Daniel de la Sota ou avenida de Vigo.
Continuando con este plan, os traballos trasládanse agora á glorieta de Concepción Arenal, onde se substituirán lastros, actuarase no firme e tamén, nalgúns casos, nas beirarrúas. Arranxarase o contorno da glorieta e os seus entronques coas rúas Martitegui (diante do colexio Froébel), Alfonso XIII, Xofre de Tenorio e Pardo Bazán.
Estas obras obrigarán a pechar a rúa Xeneral Martitegui á altura do Colexio Froebel dende mañá ás 10.00 horas, e voltará abrirse, segundo as previsións iniciais e en función do tempo, ao longo do venres, 1 de marzo.
A Policía Local propón o acceso ao colexio Froebel pola rúa Xofre de Tenorio. Ademais, permítese o acceso á rúa Xeneral Martitegui (até o Froebel) só para residentes, servizos e garaxes.