Orbil visita Santiago de Compostela

33

Eran as 7:00 da mañá cando Orbil chegaba á Estación de Ferrocarril de Pontevedra  para iniciar a que sería a súa primeira viaxe en tren. Toda unha aventura, inspirada no tema “A toda máquina!! que se deseñou para achegar o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra a Santiago de Compostela e, de paso, facer que os viaxeiros que madrugaran para ir traballar, espertaran sen remedio. Un lobo xigante no tren!. Nunca tal cousa viran… E nós, tampouco. Moito balbordo e moitas fotos as que lle sacaron para poder contar ao chegar ao traballo e a casa, que viran un lobo paseando polos vagóns.
Tres centros escolares e máis de 500 escolares de Educación Infantil, Primaria e Secundaria foros os elixidos para a nosa visita: O IES Rosalía, o Ceip Pío XII e o Ceip Raíña Fabiola. Non puidemos ter mellor acollida en todos eles, que se mostraron moi receptivos ás nosas propostas para visitar o Salón do 2 ao 23 de marzo, a casa de Orbil que está chea de libros e de trebellos que inventaron os nenos dos coles de Pontevedra e de centos de actividades das que gozar. A idea de achegarse á nosa cidade en tren lles encantou, e estamos seguros de que ao chegar a casa, contaron aínda sorprendidos que un lobo estivera no cole. A metade seguro que non nos creron, pero a outra metade, movidos pola ilusión dos máis pequenos/as, estamos seguros que van vir visitarnos.
Rematamos cunha visita ao Mercado de Abastos de Santiago, onde os empregados dos postos se fixeron moitas fotos con Orbil que, de volta a casa, se emocionou ao ver que a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, fora a recibilo.
E colorín colorado, este conto… Non fixo máis que comezar!!!