Un novo transformador soterrado mellorará o servizo no ámbito da praza da Ferraría

39

 Os obras de accesibilidade da praza da Ferraría executarán mañá a instalación dun grande transformador eléctrico que permitirá mellorar a calidade do servizo neste ámbito do centro histórico.
Dentro das obras de modernización e do empeño do Goberno Local de incrementar a actividade dentro do centro histórico, está incluída a instalación de novos servizos dos que carece esta zona da cidade. Tal e como explicou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, trátase da instalación dun transformador que mellorará a calidade do servizo neste ámbito do centro histórico, como no seu día o fixo o instalado na rúa Ánimas, en Santa María.
Este transformador tamén permitirá baixar o cableado eléctrico das fachadas no ámbito da Ferraría, tal e como se fixo en todo o ámbito da praza de Santa María.
Para a instalación deste transformador, a empresa que executa os traballos de accesibilidade na Ferraría abriu a pasada semana unha zanxa de grandes dimensións no paseo de Odriozola.
Mañá pola mañá, a partir das 07.30 horas está previsto que se achegue un vehículo de grandes dimensións (60 toneladas) para a instalación deste transformador. A Policía Local acompañará ao vehículo que accederá até Paseo Odriozola pola ponte dos Tirantes, Loureiro Crespo, Benito Corbal e avenida de Ourense.
Os traballos desenvolveranse até as 10.30 horas, cando está previsto que a Policía volva a acompañar o vehículo até fora do centro urbano.