Carlota Román anima aos comerciantes locais a mergullarse de cheo na cultura 2.0

57

A Concellería de Promoción Económica comezou hoxe a impartir o seu terceiro curso de Xeoposicionamento  Online de negocios, dirixido a comerciantes e empresarios locais. Un total de 15 persoas participan nesta iniciativa, que hoxe foi inaugurada pola concelleira, Carlota Román.
A edil explicou que o éxito das dúas iniciativas anteriores, animouna a continuar, tendo en conta, ademais, que os cambios no eido da promoción comercial na Internet avanzan a toda velocidade.
No curso participan persoas con perfís profesionais moi diversos e que desenvolven a súa actividade en na venda de artesanía e agasallos, consultoría, téxtil, servizos, sostenibilidade, alimentación, distribución de material eléctrico, venda de mobiliario e electrodomésticos, multicopia, Informática, comercialización de cosméticos, inmobiliaria, xornalismo e venda de viños.
Segundo explicou a concelleira, a Internet é crucial no mundo en que vivimos, no que non só cambiaron as formas de relacionármonos con outras persoas, senón que cambiaron radicalmente as formas de comprar e, sobre todo, as formas de buscar información antes de realizar o propio acto da compra.
Naceu o concepto de Reputación Online, que substitúe ao tradicional boca a boca e xorde tamén a necesidade de dar respostas acaídas ás peticións de información ou queixas que chegan a través das redes.
Os participantes no curso participaron hoxe nunha xornada intensiva de 2,5 horas que dará paso, ao longo das próximas semanas, a titorías personalizadas de 3 horas para afondar nos conceptos aprendidos.
No programa docente estaba previsto, entre outras cousas, unha introdución sobre Google+ e  Google Place; a rede social Foursquare, especializada no campo comercial, e un achegamento ao uso dos códigos QR.