Pisando Forte pon fin a súa cuarta edición coa entrega de diplomas a 262 participantes

70

A Concellaría de Xuventude entregará esta tarde, a partir das 18.00 horas e na Casa Azul, os diplomas acreditativos aos participantes na cuarta edición do programa Pisando Forte, unha oferta orientada a dar resposta á demanda de formación existente na xente nova desempregada.
O concelleiro Demetrio Gómez entregará os diplomas aos 262 mozos que participaron en Pisando Forte, que forma a mozos entre 16 e 35 anos.
O programa ofertou 14 cursos e obradoiros gratuítos. Os tres cursos de manipulación de alimentos completaron as 20 prazas ofertadas en cada un deles, o curso de Facturación e control de almacén completou as súas 18 prazas quedando máis de 30 persoas en lista de agarda. No curso de Comercio 3.0 tamén se cubriron as 18 prazas e máis de 20 persoas quedaron en espera. Tamén os obradoiros de Oratoria  e presentacións dixitais con Pechakucha cubriron o máximo das prazas ofertadas, 20 e 15 respectivamente.
Un dos cursos máis solicitados, no que tamén se cubriron as 25 prazas ofertadas, foi o de Agricultura Ecolóxica de 16 horas de duración. E os obradoiros de autoemprego, Proxecto Emprende e Obradoiro de Cooperativismo tiveron 16 e 18 participantes respectivamente,  aínda que nestes casos ningún dos dous esgotou todas as prazas ofertadas.
En canto ás charlas  impartidas polo Centro Quérote, participaron no obradoiro de ligue A arte da sedución 26 mozos e mozas de 17 a 30 anos, e  17 no obradoiro de relacións de parella En parella.  Na charla de promoción do Asociacionismo foron 11 os mozos e mozas participantes.
Finalmente, por cuarto ano consecutivo mantívose a oferta dun curso de Monitor/a de ocio e tempo libr" no que participaron 18 persoas das 25 prazas ofertadas.