Os sete concellos de Terras de Pontevedra acordan manter a mancomunidade para seguir a potenciar o turismo comarcal

42

O Pleno da Mancomunidade Terras de Pontevedra, presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aprobou hoxe a memoria das actividades desenvolvidas ao longo de 2012, a liquidación do orzamento e o plan económico-financeiro. Á xuntanza acudiron os alcaldes ou representantes de Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cotobade e Campo Lameiro, xunto coa concelleira de Turismo pontevedresa, Carlota Román.
O orzamento anual de 2012 ascendeu aos 145.000 euros derivados do convenio entre a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta e os sete concellos. A liquidación resultou negativa porque o ente autonómico aínda non transferiu os 90.000 euros comprometidos, trámite que se agarda para este mes de marzo, toda vez que o compromiso parece estar recollido nas contas da Xunta para este ano.
O Pleno acordou manter as achegas dos concellos para completar un orzamento de 59.000 euros para este ano 2013. Maioritariamente considérase á mancomunidade como un instrumento útil para crear sinerxias e potenciar o destino turístico Terras de Pontevedra como unha oferta global e atractiva de toda a bisbarra. Ao longo deste ano irase definindo unha nova estratexia.
Por outra banda, Carlota Román presentou a memoria de actividades de 2012, toda vez que o funcionamento de Terras de Pontevedra quedou encadrado no marco dunha encomenda de xestión á empresa municipal Turismo de Pontevedra.
No informe detallou a creación de novos produtos turísticos adaptados ao potencial dos concellos da mancomunidade, a promoción directa do xeodestino Terras de Pontevedra a través da participación en feiras e presentacións e, finalmente, a organización de programas de formación en idiomas e novas tecnoloxías dirixidos ao sector turístico.
Entre os produtos turísticos máis salientables figuran paquetes para cruceiristas, turismo centrado na gastronomía, no patrimonio, na accesibilidade e no lecer de toda a familia. Todo elo artellado en paquetes que combinan o aproveitamento de recursos tan concretos como o Centro Histórico ou o Museo de Pontevedra, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ou o Parque de aventura de Marín, entre outros.
En canto ás feiras, Terras de Pontevedra estivo presente no MITM-Euromed de Granada, Vigofeira, WTM de Londres e realizou presentacións específicas en Barcelona e A Coruña.
Organizáronse viaxes de medios especializados en turismo (incluíndo un encontro con blogueiros de referencia) e puxéronse en marcha cursos de iniciación a idiomas para persoal de Recepción de hoteis e, moi recentemente, un servizo de tradución de cartas dos menús dos restaurantes da bisbarra.