A exposición fotográfica “O latexo das prazas” comeza unha xira para atraer turismo nacional a Pontevedra

49

As prazas de Pontevedra trasládanse a Rianxo durante 15 días. As imaxes tomadas polos reporteiros gráficos locais e que compoñen a exposición “O latexo das prazas” poden verse na Casa do Concello coruñés dende hoxe.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, participou na inauguración da exposición, xunto co alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, e a concelleira María Teresa Sobradelo.
Rianxo estrea un periplo que continuará, ao longo dos próximos meses por Lugo, Ourense e Barcelona. Aínda non están pechadas as seguintes paradas.
A exposición estará complementada polo vídeo “Pontevedra é un amor”, que ten acadado un gran impacto na Internet, onde superou as 60.000 reproducións. Tamén entregarase o catálogo da mostra, que inclúe as imaxes en formato postal, e unha introdución trilingüe (galego, español e inglés), o que o convirte nun regalo idóneo.
“O latexo das prazas” consiste en 12 olladas ás prazas do Centro Histórico pontevedrés a partir dos obxectivos de profesionais tan coñecidos como Rafa Fariña, Gonzalo García, Javier Cervera-Mercadillo, David Freire, Alba Sotelo, Guille López, Noé Parga, Ramón Leiro, Mónica Ferreirós, Carlos Puga, Miguel Vidal e Xan Xiadas. Todos eles, baixo o comisariado de Ramón Rozas, cambiaron o enfoque do seu traballo diario, sempre apegado á actualidade, para ofrecer unha visión “slow food” dos espazos nos que adoitan traballar como profesionais e polos que camiñan como cidadáns.