Aprobación definitiva do desdobramento da avenida de Vigo

77

A Comisión de Infraestruturas aprobou esta mañá (coa abstención do grupo municipal do Partido Popular) o proxecto de desdobramento da avenida de Vigo que será aprobada pola Xunta de Goberno Local do vindeiro luns, segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

O proxecto vai en prazo, segundo as previsións do departamento de Infraestruturas do Concello, polo que esta aprobación definitiva permitirá abrir o proceso expropiatorio así como a licitación do proxecto. Segundo César Mosquera, os traballos poderían comezar a final de ano.

Tamén destacou a importancia desta aprobación definitiva coa posibilidade edificatoria, cando menos, nos extremos do viario.

Acuanorte

O concelleiro informou hoxe de que onte celebrouse unha reunión de seguimento do convenio do proxecto de abastecemento de Pontevedra e a súa ría, onde se inclúen os concellos de Marín, Vilaboa, Poio e Sanxenxo.

O proxecto que aínda vai en prazo, "pero un tanto xusto", explicou César Mosquera permitirá iniciar en breve as obras pola marxe dereita no Concello de Poio. Na marxe esquerda, os traballos poderíanse licitar se conta co compromiso de financiación por parte de Pontevedra. César Mosquera asegurou que o concello continuará capitaneando este proxecto, como xa o fixo dende o principio.