Os últimos éxitos deportivos de Pontevedra en Baile e Loita chegan ata a Casa do Concello

63

O enorme potencial deportivo da cidade de Pontevedra volveu quedar hoxe de manifesto coa recepción oficial que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, realizaron aos últimos deportistas que obtiveron trunfos nos campionatos de España de Baile Deportivo e Loitas Olímpicas.
Adrián Esperón, acompañado da súa parella de baile, Patricia Martínez, foi o primeiro pontevedrés en recibir o recoñecemento institucional. O pontevedrés e a mosense obtiveron a medalla de ouro no último campionato celebrado en L´Eliana (Valencia) o pasado día 10 de febreiro.
A pesar da súas idades (Adrián ten 23 anos e Patricia 22), trátase da sexta vez que obteñen este título, polo que se confirman como a mellor parella de bailaríns de España. Ademais, acadaron a medalla na modalidade de 10 bailes, que é a máis completa desta disciplina deportiva.
A continuación chegaron os deportistas do Club de Loita Pontevedra, capitaneados polo adestrador e “alma mater” do equipo, Marcos Miragaya. Lidia Pérez quedou campioa de España cadete na modalidade de menos de 56 kilos; Nazaret Licer, medalla de prata cadete en menos de 52 kilos e, finalmente, Pablo García, terceiro clasificado en senior, prexudicado, segundo as crónicas, por unha mala decisión arbitral. A competición celebrouse o pasado día 23 en San Javier (Murcia).
Na xuntanza explicouse que as rapazas compiten en loita libre olímpica, mentres Pablo opta pola grecorromana. Falouse tamén do gran nivel deste deporte en Pontevedra e das dificultades de seguir a adestrar axeitadamente pola falla de rivais de talla internacional na nosa área xeográfica.
Marcos Miragaya subliñou que conta con 40 licenzas no club e que aspira a continuar captando éxitos para o deporte pontevedrés por moitos anos.