As concellerías de Deportes e Turismo apoian a celebración da festa de San Patricio, a cargo do Mareantes Rugby Club

65

A praza de España acollerá entre os próximos mércores, 13, e domingo, 17, o terceiro Festival Galaico-Irlandés San Patricio. A iniciativa, que foi presentada hoxe, é do Mareantes Rugby Club Pontevedra e conta co apoio das concellerías de Deportes e Turismo.
O responsable de Deportes, Agustín Fernández, destacou que o rugby ten un forte arraigo na cidade. Ao tempo, aplaudiu a celebración deste evento, que ademais de garantir a recadación de fondos para o club, servirá como dinamizador da economía local durante toda a fin de semana. Explicou, ademais, que a festa chega este ano para conmemorar o 25 anivesario do club pontevedrés.
A interrelación turística que se deriva do San Patricio vén dada pola presenza dos stands de “Turismo de Pontevedra”, que “venderá” os atractivos da nosa cidade aos visitantes, e de “Turismo de Irlanda”, que ofrecerá ampla información sobre a illa.
As actividades deportivas están previstas para o sábado, 16, a partir das 11.00 horas no campo de rugby de Monte Porreiro. Alí disputarase o torneo 25 aniversario do Mareantes. Enfrontarase o Mareantes sub17 e A Escoliña de Rugby da Galiza, equipo procedente de Cascais (Portugal). A continuación xogarán o Mareantes Vellas Glorias (veteranos) e o Arraxate Rugby Taldea (Mondragón). O prato forte será, non obstante, o encontro entre a selección de Galicia e a de España sub19, que se producirá na Cidade Infantil Príncipe Felipe.
A carpa da praza de España pretende converterse nun recinto lúdico apoiado nos piares das gastronomía, turismo, cultura e o deporte. A animación estará a cargo do trío irlandés Coverstone e outros grupos locais.
A oferta gastronómica chegará cunha mistura de cociña galega e irlandesa. Haberá tamén oferta variada de bocadillos. Incorpórase, como principal novidade, pratos da cociña galega, que estarán dispoñibles sempre a mediodía, como os callos e a fabada.
Haberá rebaixa de 50 céntimos nos prezos da cervexa. Deste xeito, a negra e vermella venderase a 3,50 euros e a rubia a 3 céntimos.
Finalmente, haberá un sorteo para dúas persoas con todos os gastos pagos a Irlanda. Para participar é necesario facer catro consumicións e asumir un pago adicional dun euro.