A Concellería de Deportes organiza un acto para promocionar o Open de España de Natación

88

Crear ambiente na cidade, promocionar o Open de España de Natación e homenaxear ás cinco nadadoras máis destacadas do Club Galaico son os obxectivos da Concellería de Deportes para organizar un calendario de actos para este venres, día 15.
O programa será o preámbulo do Open, que se celebrará na piscina Rías do Sur entre os próximos días 21 e 24, coa presencia dos mellores nadadores de España.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, explicou que xa con motivo dos Campionatos de España de Tenis de Mesa iniciouse unha estratexia de promoción dos grandes eventos por medio de actos en espazos públicos. Diante do éxito daquela primeira experiencia, optou por manter o formato.
O programa deste venres comezará ás 18.30 horas no Concello, cunha recepción ás cinco nadadoras do club Galaico que participarán no Open de España de Natación, competindo coa elite nacional: Beatriz Gómez Cortés, Iria García Pardavila, Laura Paola Montes Pérez, Nerea Rodiño Nogueira e Paula Goyanes García. Estarán acompañadas do presidente do club, Alfonso Gallego, e o seu adestrador, Álvaro Reiriz.
Ás 19.00 horas, na praza da Peregrina, serán recibidas polo resto dos nadadores do Galaico, que lles farán “pasillo”, dando así comezo a un acto no que o xornalista Ramón Mella fará unha presentación do club e das cinco homenaxeadas. O concelleiro de Deportes pechará cunha breve intervención.
A zona estará acondicionada cunha pequena carpa, na que se ofrecerá rosca ao público asistente e onde as nadadoras asinarán autógrafos. Haberá tamén unha pantalla na que se pasarán imaxes de adestramentos e competicións.
A posta en escena estará a cargo dun grupo teatral que, dende as 18.00 horas, realizará unha “performance” sobre o deporte da natación e a competición olímpica.