“A Nona Hora”, exposición de Ricardo de Campos

71

Lugar: Sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra. Rúa Fernández Ladreda. Campolongo

Horario: de luns a sábado, de 09 a 14 h.

A exposición titulada “A Nona Hora” do artista portugués Ricardo de Campos, conta con varias obras pictóricas con temática dedicada a paixón de Cristo, “ao sufrimento humano mellor construído na historia”, como o propio autor afirma. De feito, o propio título da mostra  fai referencia a hora na que, segundo o Novo Testamento e, por tanto, a teoloxía cristiá, faleceu Xesús.

Trátase dunha exposición composta por unha serie de crucifixións, piedades e descendementos de Cristo na Cruz realizadas ben ao óleo ou ben con técnica mixta sobre diversos soportes como tela, alumino ou papel.

Os críticos de arte aseguran da súa obra que se acerca esteticamente ao expresionismo e ao informalismo europeo, cunha forte vinculación a obra de Emilio Vedova, xa que os seus traballos gozan dunha gran forza e liberdade de execución, con trazos fortes, xestuais, realizado de xeito violento, gañando así en expresión e en subxectividade.

Este traballo percorreu xa varios espazos expositivos, algúns relixiosos como o Mosteiro de Oseira, o de San Julián de Samos, o de San Martinho de Tibaes, ou a Igrexa de San Denís de París, aínda que tamén en varios espazos laicos, como a galería pontevedresa About Art.

Ricardo de Campos naceu en Portugal, en Monçao, en 1977 e comezou a traballar no eido artístico da man de Antonio Guedes en 1994, comezando a cursar estudos orientado por Alberto Péssimo en 2003 e comezando a traballar ao ano seguinte co escultor José Rodrigues, quen foi para él unha das máximas referencias a hora de abordar o deseño dos seus traballos. O propio Campos engade sobre a súa traxectoria, a gran importancia que tivo para a súa creatividade a figura de Graça Morais.