O Local de Música transformarase nun “Circo das Bolboretas” esta Semana Santa

36

O Local de Música acollerá a vindeira Semana Santa, os días 25, 26 e 27 de marzo o campamento urbano “O circo das Bolboretas”, destinado a nenos entre 6 e 8 anos, e inspirado no mundo do circo.
Esta iniciativa promovida pola Concellaría de Xuventude, foi presentada esta mañá polo concelleiro Demetrio Gómez e a que será monitora deste campamento, Bea Mazaira. Ofrece 15 prazas que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición, que deberán facerse na Casa Azul, no Departamento de Xuventude.
A iniciativa pretende dar a coñecer o espazo aos cativos e ás súas familias, mediante una proposta de creación artística que traballará con elementos coma o cine, o teatro, a música e creación plástica.
A creadora da actividade é Bea Mazaira, unha nova artista e música afincada en Pontevedra, para un proxecto de prácticas de tempo libre para a escola Paspallás. O campamento inspírase na curta do mesmo título “O circo das bolboretas” do director Joshua Weigel, e protagonizado por Nick Vujicic. A historia fala do cambio, da transformación e da autosuperación, nunha época de crise.
O campamento usará a creación musical, teatral e plástica para construir unha función para as familias, que se representará o día 27 pola tarde no propio local.