Santo André disporá en primavera do novo Campo da Bouza

88

Os veciños de Santo André de Xeve poderán gozar na próxima primavera do remocicado Campo da Bouza, situado na marxe dereita da estrada xeral de Campo Lameiro, pasado o Colexio de Santo André. O alcalde e os concelleiros Miguel Filgueira e Anxos Riveiro visitaron esta mañá os traballos de mellora deste espazo, duns 2.000 metros cadrados, lugar de encontro dos veciños desta parte da parroquia.
Inscrito dentro da política de mellora dos puntos de centralidade parroquial, a mellora do Campo da Bouza é un claro exemplo da aposta do Goberno Local por acondicionar este tipo de espazos. De feito, a pesares de que a mellora aínda está en execución, xa se está a converter nun lugar de encontro e espazo de visita obrigada para os veciños do lugar, que aproveitando os días de bo tempo, achéganse ao Campo da Bouza para gozar das instalacións rematadas.
Os traballos destes meses consistiron na reubicación do merendeiro para situalo nun lugar máis acaído e que permita aproveitar o espazo do novo parque para construir unha área infantil, unha pista polideportiva e unha pista de petanca, xa rematadas.
Tamén se arranxou o lavadoiro e a fonte do lugar, xoia do patrimonio etnográfico pontevedrés dado que a súa construción se remonta á época na que Xeve era concello propio, e foi construído durante a República.
Iluminación e mobiliario urbano completan a actuación que se está a concluír coa poda dos plátanos que dan sombra e benestar á zona nas épocas estivais.
A obra que supera os 180.000 euros rematarase na primavera –se o tempo acompaña-, coa urbanización de toda a contorna do Campo da Bouza: acondicionamento da zona de estacionamento, construción de beirarrúas e pavimentado dos accesos.
O concelleiro delegado da parroquia de Santo André de Xeve, Miguel Filgueira, ten previsto unha inauguración contando coa participación das entidades e asociacións da parroquia, para que todos os veciños coñezan este novo punto de recreo de Santo André.